Ovella negra é un termo usado para clasificar algo ou alguén coma diferente, coma fóra dos patróns, estraño, raro, especial, nun sentido negativo.[1]
Características
Como a meirande parte das ovellas son brancas e claras, cando hai unha alteración xenética e nace unha ovella negra, vese claramente que é diferente das demais. De aí sae esta expresión para clasificar os diferentes. Ademais a presenza indesexable e pouco común de individuos de la negra en rabaños de ovellas non era bo para o criador, pois a la de ditas ovellas non era cobizada no mercado como a branca.[1] En Inglaterra durante os séculos XVIII e XIX, a cor negra das ovellas era vista como unha marca do diabo.[2]
Se unha familia ten membros de conduta incorrupta, decente e honesta, e algún membro da familia sae irresponsábel, ladrón ou fóra dos patróns ditos normais para aquel grupo familiar de individuos, é de inmediato considerado a ovella negra da familia. Tamén a expresión se lle pode outorgar a un membro dun grupo que simplemente posúe características diferentes das dos seus compañeiros, sen o sentido negativo.[3]
Na psicoloxía, denomínase efecto da ovella negra a tendencia dun grupo de tratar ou avaliar un membro da súa propia sociedade dunha forma máis severa que o resto, baseándose nun comportamento negativo por parte do individuo.[4]
Na xenética das ovellas, ser brancas non é por albinismo senón por teren un alelo dominante branco no xene que determina a cor individuo. Pola súa parte, as ovellas negras teñen alelos recesivos, e se unha ovella branca e un carneiro branco teñen un año negro, ambos deben ser heterocigotos con respecto ao negro, e tiñan un 25% de posibilidades de que a cría fose negra. Un estudo recente realizado pola Universidade de Agricultura de Noruega e pola Universidade de Oregón determinou que a cor negra se xera por un alelo E D presente no momento da concepción.[5]