Oskar Matute García de Jalón, nado en Barakaldo o 5 de outubro de 1972, é un político nacionalista vasco. Dende 2009, lidera Alternatiba, partido político integrado en Euskal Herria Bildu. Anteriormente foi membro do Parlamento Vasco por Ezker Batua-Berdeak, entón o referente vasco de Esquerda Unida, partido no que militou cunha certa relevancia nos medios.
Traxectoria
Diplomado en Empresariais pola Universidade do País Vasco, Matute iniciouse no activismo social a través dos movementos de insubmisión ao servizo militar e o movemento pacifista Elkarri.[1] Ademais é membro da Fundación Vento Sur, a Fundación Gogoa e Comisións Obreiras.
Foi coordinador da Presidencia de Ezker Batua-Berdeak e da Presidencia Federal de Esquerda Unida, e foi membro do Parlamento Vasco nas VII e VIII lexislaturas. En ámbalas dúas exerceu como vicepresidente da Comisión de Ordenación Territorial, Transportes e Medio Ambiente; na VIII, ocupou ademais o cargo de presidente da Comisión de Control Parlamentario de Euskal Irrati Telebista.
Incorporouse á dirección de Ezker Batua en representación do colectivo Ekaitza, xurdido en 1993 como unha corrente interna partidaria do soberanismo vasco, o dereito de autodeterminación, os movementos sociais alternativos e a participación cidadá nas decisións políticas. Por mor da participación de Ezker Batua no Pacto de Estella de 1998, a corrente Ekaitza transformouse en Batzen, da que tamén foi voceiro.[2] Por aquel entón, Matute tamén era membro de Espazo Alternativo dentro de Esquerda Unida.[3]
En 2008 encabezou a única candidatura alternativa na VII Asemblea de Ezker Batua e que foi apoiada polos sectores críticos Batzen e Encontro Plural Alternativo;[4] pero o Partido Comunista de Euskadi, que até entón se mostrou discrepante coa dirección, optou por apoiar a candidatura principal, co que finalmente se ratificou de novo a Javier Madrazo como coordinador xeral, cargo do que dimitiu ante os malos resultados electorais que obtivo a súa formación nas eleccións ao Parlamento Vasco de 2009.[5]
Paralelamente participou na fundación de Alternatiba Eraikitzen ('construíndo a alternativa', en éuscaro), inicialmente unha organización sociopolítica que pretendía refundar a esquerda vasca e que se constituíu en partido político co nome de Alternatiba, abandonando definitivamente Ezker Batua, en abril de 2009. Alternatiba, que se define como un partido soberanista e de esquerdas,[6] en 2011 integrouse na coalición electoral Bildu xunto con Eusko Alkartasuna e independentes da esquerda abertzale.[7] Nas eleccións municipais de 2011 Oskar Matute pechou a lista de Bildu en Barakaldo.
Nas eleccións ao Parlamento Vasco de 2012 resultou electo como integrante da lista da coalición Euskal Herria Bildu (EH Bildu) pola circunscrición de Biscaia.[8] Nas eleccións de 2016 encabezou a lista de EH Bildu ao Congreso por Biscaia, resultando elixido deputado, polo que foi substituído no Parlamento Vasco pola avogada Jone Goirizelaia.[9] Repetiu escano nas eleccións xerais de abril de 2019.
Notas
Véxase tamén