Os Bolechas é o nome dunha serie infantil que narra as aventuras dunha familia de ficción creada por Pepe Carreiro no ano 2000.
Naceron no ano 2000 da man do ilustrador e debuxante galego Pepe Carreiro e ao longo destes anos asentáronse no eido editorial galego con máis de 550 títulos publicados e preto de millón e medio de exemplares distribuídos[1]. No ano 2012 traspasaron as fronteiras literarias para chegaren a varios ámbitos culturais e de lecer relacionados coa infancia e coa lingua galega.
Personaxes
As aventuras dos Bolechas están protagonizadas por seis irmáns e mais o seu can.
Carlos Bolechas: é o irmán máis vello (uns 7 anos), é o responsábel e o que, por idade, ten que facerlles fronte ás situacións máis comprometidas.
Loli Bolechas: xunto con Pili, a súa irmá xemelga, é a segunda en idade (uns 6 anos).
Pili Bolechas: é semellante á súa irmá xemelga.
Braulio Bolechas: é o terceiro en idade (5 anos).
Sonia Bolechas: é a cuarta en idade (3 anos).
Tatá Bolechas: é o máis pequeno da familia (9 meses).
Chispa: é un can de raza husky siberiana.
Historia
Edicións A Nosa Terra foi a editorial encargada da edición da serie ata a súa desaparición no ano 2010. A serie publícase tamén en portugués, onde son coñecidos como Os Bochechas[2]. Entre o 2010 e o 2011 publicáronse algúns títulos autoeditados por Pepe Carreiro. No ano 2011, Pepe Carreiro anunciou a continuidade da colección[3].
Edicións Bolanda foi a encargada de retomar o proxecto nesta nova andaina, na que se ampliaron as propostas arredor dos Bolechas, coa creación dunha serie de televisión, unha liña de xoiaría infantil, música ou diversos espectáculos, entre os que destacan as xiras de Nadal ofrecidas en 2012 e 2013[4][5].
Para os seus desprazamentos pola xeografía galega, Os Bolechas usaban un peculiar coche: un R4. En 2014 a familia incorporou un novo vehículo que estreou na Cabalgata dos Reis Magos de Santiago de Compostela[6]: un autobús de dúas plantas destinado a realizar actividades para o público infantil.
Malia a apertura a novos campos, Os Bolechas seguen tendo a súa base nos contos para nenos. Por iso institucións, asociacións e entidades usan a esta familia para dar a coñecer as máis variadas iniciativas, desde guías de determinados lugares ou espazos galegos ata bos hábitos; así, unha das últimas publicacións. Os Bolechas educan a Pepiño Chispa[7] forma parte dunha campaña da Consellería de Sanidade, o Foro Interalimentario e a Unión de Consumidores de Galicia para promover un estilo de vida saudable entre os máis pequenos.
A estas sumáronse nos últimos tempos Os Bolechas van ao Caan ou Sultán non ten microchip, destinados a concienciar dos coidados que require unha mascota, neste caso un can; Os Bolechas e a saúde, para fomentar hábitos de vida saudables ou a campaña sobre seguridade viaria[8] realizada para a Dirección Xeral de Tráfico, que incluíu diversos ámbitos de actuación, desde talleres na sede da DGT en Madrid con motivo da Semana Mundial da Seguridade Viaria na Infancia ata a elaboración de cinco guías, Los Bolechas van en autobús, Los Bolechas van en coche, Los Bolechas van a la escuela, Los Bolechas van por la calle e Los Bolechas van en bicicleta, así como un caderno de actividades relacionadas coa seguridade viaria. A eles sumáronse cinco audiovisuais sobre o mesmo tema que os técnicos da DGT utilizan nas súas sesións cos pequenos de todo o estado [9].
Formación
Outro dos seus produtos é a Biblioteca Básica Os Bolechas, composta por 18 tomos pedagóxicos e unha vaca-maleta (a muuulecha). A Biblioteca inclúe recursos sonoros accesibles desde dispositivos móbiles e ordenadores persoais; trátase da tecnoloxía "O libro fala", cuxa función é acompañar a lectura con recursos sonoros didácticos. Ademais, todos os libros incorporan pictogramas de fácil lectura, que resumen a información, melloran a atención e a motivación e axudan á comprensión dos nenos con dificultades de acceso á lectura[10].
Neste eido da formación tamén se inclúe o curso de inglés Os Bolechas one2three, o primeiro curso de galego-inglés para escolares de infantil e primaria que lles permite achegarse ó inglés directamente desde o galego. Elaborado por un equipo multidisciplinar de filólogos, lingüistas e pedagogos e avalado pola Universidade de Santiago de Compostela[11].
Campañas educativas
Os Bolechas teñen colaborado en múltiples iniciativas formativas e de divulgación de valores, así como en campañas institucionais. Entre elas están:
Guías para coñecer Galicia, utilizadas por concellos, mancomunidades ou diversas entidades que queren divulgar entre a infancia aspectos do seu labor.[Cómpre referencia]
Os Bolechas van ao Parlamento, trátase dunha proposta que inclúe múltiples formatos (editorial, vídeo, dixital…) para achegar á infancia esta institución[12].
Seguridade Viaria, para a Dirección Xeral de Tráfico. Os Bolechas foron elixidos para realizar a campaña de educación viaria da DGT a nivel estatal destinada aos máis pequenos. O obxectivo da mesma é velar pola seguridade das nenas e nenos nas diferentes formas de desprazamento, apostando por unha mobilidade saudable, sostible e segura.
Igualdade de xénero, para diversas entidades, institucións e organizacións que traballan neste ámbito. O obxectivo é traballar a igualdade de xénero xunto con conceptos como a tolerancia, o respecto, a empatía, a autoestima e a autoconfianza.
As miñas primeiras Letras Galegas, para a Real Academia Galega, trátase dunha colección na que, ademais de afondar no coñecemento e uso da lingua propia de Galicia, faise un primeiro achegamento ás autoras e autores máis relevantes da nosa literatura, aqueles aos que a RAG lles ten dedicado o Día das Letras Galegas[13].
Camiño de Santiago, creado para a entidade de Turismo de Galicia, usada para dar a coñecer aos máis pequenos o Camiño de Santiago.[Cómpre referencia]
Fomento de hábitos saudables, para a Consellería de Sanidade, a Unión de Consumidores e o Foro Interalimentario, enmarcado no Plan galego de prevención da obesidade infantil, desenvolvido pola Xunta, a Unión de Consumidores e o Foro Interalimentario.[Cómpre referencia]
Consumo de vexetais, para a Consellería do Medio Rural a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), campaña para fomentar o consumo de froitas e verduras entre os máis novos[14].
Acollemento familiar, para a Cruz Vermella e a Consellería de Traballo e Benestar, campaña para explicar o acollemento en familia allea que leva a cabo Cruz Vermella en Galicia[15].
Primeiros auxilios, para o 061, campaña para ensinarlles aos máis pequenos tanto o labor que desenvolve o 061 como consellos básicos de seguridade e de actuación ante unha emerxencia[16].
Doazón de sangue, para o Centro de Transfusión de Galicia, iniciativa para explicarlles aos máis novos a importancia de doar sangue, promovendo desde a infancia un comportamento solidario e transcendental para salvar vidas[17].
Fomento do voluntariado, para a Dirección Xeral de Xuventude, co fin de dar a coñecer as posibilidades de voluntariado e a importancia de implicarmos en tarefas sociais que tratan de facer un mundo mellor entre todos.[Cómpre referencia]
Os Bolechas van á AGASP, para a Academia Galega de Seguridade Pública, guía para dar a coñecer o funcionamento da Academia e das distintas seccións, así como o labor que se realiza neste centro de aprendizaxe e as funcións que corresponden a cada membro de emerxencias e das forzas de seguridade no seu labor diario.[Cómpre referencia]
En febreiro de 2012 deron o salto á televisión. A tvG2 emitiu un especial de entroido de media hora cos Bolechas en forma de monicreques[18]. En setembro dese mesmo ano deu comezo a primeira tempada da serie, que se emite diariamente na tvG2 dentro do programa Xabarín Club[19]. Na canle pública galega estase a emitir xa a quinta temporada. E en 2014 a serie salta fóra das fronteiras galegas, onde se emite en diversas televisións autonómicas de oito comunidades autónomas, entre elas Asturias, onde a serie se emite en asturiano. En xaneiro de 2015 empezaba a emisión para todo Portugal a través da televisión pública do país, a RTP[20], e para os países lusófonos de África a través de RTP-África. Desde entón emítese ininterrompidamente no espazo Zig Zag da canle portuguesa.
Paralelamente ven a luz outras iniciativas, como unha liña de xoias,[21] elaborada pola firma de ourivaría compostelá Fink-orfebres e que conta co selo de garantía de Galicia Calidade, ou os libros-disco Os Bolechas fan unha banda[22], no que participan dez grupos e intérpretes galegos que representan diferentes estilos e que compuxeron un tema específico para este disco. A finais de 2016 publicaron un disco en directo titulado Chis Pum, creado xunto do grupo Monoulious DOP.