As funcións do OGB son a promoción de accións encamiñadas á conservación da variedade da vida, incluída a variedade xenética dentro dunha mesma especie, así como entre as especies e os ecosistemas, debido á importancia que esta biodiversidade ten para o pobo galego, xa que conforma o marco en que se desenvolve a súa existencia, ao tempo que constitúe unha fonte importantísima de recursos de distinta índole, para as galegas e os galegos.[1]
Prestar apoio na inventariación, análise e interpretación dos datos sobre o estado da biodiversidade en Galicia.
Asesorar a Xunta de Galicia na elaboración e seguimento dos indicadores de biodiversidade e no mantemento dun sistema de información sobre a súa evolución.
Informar, con carácter facultativo e non vinculante, sobre a catalogación, descatalogación e cambio de categoría de ameaza das especies de fauna e flora de Galicia no Catálogo galego de especies ameazadas.
Informar, con carácter facultativo e non vinculante, os plans de xestión de especies catalogadas e o seu desenvolvemento.
Emitir ditames en materia de conservación e protección das especies.
En xeral, subministrar información e prestar apoio e asesoramento en materia de conservación da variedade da vida en Galicia.
Por solicitude da persoa titular da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza, calquera outra función relacionada coa conservación e fomento da biodiversidade en Galicia.
Composición
O OGB é un órgano colexiado constituído por:[1][2]
Presidente/a: directora xeral de Conservación da Natureza.
Vicepresidente/a: un/unha representante da Consellería competente en materia de ambiente, que será designado/a pola presidencia.
Secretario/a.
Vogais:
Dous/dúas representantes da dirección xeral competente en materia de conservación da biodiversidade.
Un/unha representante do departamento competente na xestión da Rede de Observación do Territorio da dirección xeral competente en materia de desenvolvemento sostible.
Un/unha representante por cada unha das universidades galegas, que serán libremente designados/as por estas.
Catro especialistas de recoñecido prestixio no estudo e na investigación de especies de vertebrados, invertebrados, fanerógamas e criptógamas respectivamente, designados pola dirección xeral competente en materia de conservación da biodiversidade.
Un/unha especialista de recoñecido prestixio no estudo e na investigación de especies do medio mariño, un/unha especialista de recoñecido prestixio no estudo e investigación de especies do medio doceacuícola e un/unha especialista de recoñecido prestixio no estudo e na investigación de especies do medio terrestre, só no suposto de que ningún dos demais vogais indicados no punto 3 deste artigo posúa coñecementos especializados nalgunha destas materias. Os/as especialistas sinalados neste punto serán designados, se for preciso, pola dirección xeral competente en materia de conservación da natureza
Dúas persoas en representación das asociacións inscritas no rexistro da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible que teñan entre os seus fins a conservación da biodiversidade en Galicia, que serán designadas por estas.
Funcionamento
O Observatorio Galego da Biodiversidade reunirase en sesión ordinaria como mínimo unha vez ao ano. Poderá tamén reunirse en sesión extraordinaria cando a presidencia do OGB o estime oportuno.
As convocatorias das sesións do OGB serán acordadas polo/a seu/súa presidente/a e efectuaranse con sete días de antelación naquel que vaia ter lugar a reunión. No caso de urxencia, as convocatorias das sesións extraordinarias poderán efectuarse cunha antelación mínima de corenta e oito horas.
O OGB poderá crear no seu seo comisións ou grupos de traballo que abordarán o estudo e a preparación de temas específicos de interese para este órgano. Poderán ser convidadas a participar nas comisións ou grupos de traballo as persoas con coñecementos especializados nas materias que estean directamente relacionadas cos temas que sexan obxecto de estudo e debate desa comisión ou grupo de traballo.
A Dirección Xeral competente en materia de conservación da biodiversidade prestaralle ao OGB todo o apoio técnico, material e persoal que este precise para o desempeño das súas funcións.[1]
Réxime xurídico
Seralle de aplicación ao OGB o réxime xurídico dos órganos colexiados recollido no capítulo II, do título II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, en todo aquilo que non estea especificamente regulado no decreto de fundación.[1]