O rebelde descoñecido

O rebelde descoñecido (en inglés The Unknown Rebel), tamén coñecido como O home do tanque (en inglés Tank Man) é o alcume que se atribuíu a un home anónimo que se volveu internacionalmente popular ó ser filmado e fotografado en pé fronte a unha liña de varios tanques durante as protestas da Praza Tian'anmen de 1989 na República Popular Chinesa. A foto (véxase na Wikipedia inglesa), foi tomada por Jeff Widener, un membro de Associated Press, dende o sexto piso do Hotel Beijing, a unha distancia de 800 metros a través dunha lente de 400 mm.

A filmación e fotografado do home en pé, só diante da liña de tanques, transmitiuse esa mesma noite. Foi titular en centos de xornais e revistas, e un dos principais titulares en moitos noticiarios ó redor do mundo. En abril de 1998, a revista estadounidense Time, incluíu ó "Rebelde Descoñecido" na súa listaxe das cen persoas máis influentes do século XX.

Detrás da imaxe

O incidente tivo lugar na Cháng An Dà Jie, ou "Grande Avenida da Eterna Paz", a un minuto de distancia da Praza Tian'anmen, que conduce á Cidade Prohibida, en Pequín, o 5 de xuño de 1989, un día despois de que o goberno chinés empezase a reprimir violentamente as protestas democráticas.

O home mantívose só e en pé, namentres os tanques aproximábanse sostiña dúas bolsas semellantes, unha en cada man. Mentres os tanques diminuían a marcha, el facía xestos para que se foran. En resposta, o tanque situado en cabeza da columna tentou sortealo; pero o home interpúxose repetidamente no seu camiño, demostrando unha tenacidade e resistencia enormes. Tras isto os tanques detivéronse e o individuo subiu por riba do primeiro tanque, e sostivo unha conversación co condutor. Hai especulacións sobre o que dixo, adxudicáronlle frases como "Por que están aquí? A miña cidade é un caos pola súa culpa"; "Retrocedan, dean a volta e deixen de matar á miña xente"; o "Ídevos". despois, a gravación mostra como varios civís empurraron ó home entre a multitude, mentres os tanques seguían o seu camiño. Moitos sospeitan que eran, en realidade, forzas da lei sen uniforme.

Significados da imaxe

En Occidente, as imaxes do "Rebelde Descoñecido" presentáronse como un símbolo do movemento democrático chinés. Un rapaz arriscando a súa vida para opoñerse a un escuadrón militar parecía encaixar coa representación dos estudantes protestando valente e espontaneamente contra o Partido Comunista Chinés. Un exemplo desta análise continua da imaxe pódese ver na novela "Hong Kong", de Stephen Coonts, onde o "Home do Tanque" é levado á ficción como un home que dirixe a un grupo de insurxentes políticos contra o goberno comunista. A imaxe alcanzou resonancia entre as democracias como un símbolo do poder individual para deter ó goberno e forzar un troco na dirección política do país.

Dentro da China, a imaxe empregouse polo goberno como símbolo do coidado dos soldados do Exército Popular de Liberación para protexer ó pobo chinés: a pesar das ordes de avanzar, o condutor do tanque rexeitou facelo se iso implicaba danar a un só cidadán. O "Home do Tanque" presentouse como un delincuente social, un símbolo dos irresponsables e oportunistas alborotadores que apareceron durante as protestas de Tian'anmen e como un posible axente provocador dos gobernos occidentais. Como con moitos asuntos relacionados coas protestas de 1989, este converteuse nun tabú político na China que aínda permanece, onde calquera discusión sobre el considérase inadecuada.

Biografía

Pouco se sabe da identidade do home. O tabloide británico The Sunday Express afirmou que o seu nome é Wang Weilin, un estudante de 19 anos. Non obstante, a veracidade desta información é dubidosa.

Hai moitas historias contraditorias sobre o que lle puido pasar despois destes feitos. Nunha conferencia ó President's Club en 1999, Bruce Herschensohn —antigo axudante especial do presidente dos Estados Unidos Richard Nixon — indicou que foi executado dúas semanas máis tarde. Outras fontes din que foi fusilado uns poucos meses despois das protestas de Tiananmen. En Red China Blues: My Long March from Mao to Now, Jan Wong afirma que o home está aínda vivo e escondéndose na China continental.

Unha nota de prensa publicada en outubro de 2005 por unha testemuña ocular do evento, Charlie Cole, unha fotógrafa contratada pola revista Newsweek nesas datas, afirma que o home foi arrestado alí mesmo pola Oficina de Seguridade Pública.

O goberno da República Popular Chinesa fixo poucas afirmacións sobre o incidente ou a persoa implicada. En 1992, nunha entrevista con Barbara Walters, ó entón Secretario Xeral do Partido Comunista Jiang Zemin preguntáronlle que foi do home. Jiang contestou "Creo que nunca o matamos".

Véxase tamén

Ligazóns externas