O estudio de Abel de Pujol (en francés: L'Atelier d'Abel de Pujol) é un cadro da pintora francesa Adrienne Marie Louise Grandpierre-Deverzy, realizado en 1822. Consérvase no Museo Marmottan Monet.
Historia
En 1822, Grandpierre-Deverzy enviou a súa obra ao Salón de París (Le Salon de Artistes Français), onde foi aceptada e exposta. A autora continuou expondo neste Salón dende 1822 até 1855.[1]
A obra foi comprada por Giovanni Sommariva, un dos grandes coleccionistas e mecenas da época. Isto evidencia a presenza e importancia da autora nese momento, converténdose ademais nunha fonte para o estudo do ensino artístico feminina a partir do seu traballo.[2]
Posteriormente, tanto o cadro como a autora, tras un período de completa invisibilización, foron recuperados na exposición Women Artists: 1550-1950, organizada por Linda Nochlin e Ann Sutherland Harris en 1976. De feito, esta obra conformou a portada do catálogo da exposición.
Descrición
No cadro obsérvase un grupo de mulleres que están no estudio, pintando, parolando, escollendo pigmentos ou mesmo, mostrándolle ao mestre, Abel de Pujol, o bosquexo que realizaron, como é o caso dunha delas. O espazo está ben iluminado, limpo e ordenado, en contraposición a outros cadros da época que representaban estudios masculinos.[2]
O obradoiro está cheo de elementos que están vinculados ao artístico, como cabaletes, lenzos, moldes, bustos da Antigüidade nos andeis superiores, baleirados e tres pinturas relixiosas de Abel de Pujol colocadas na parede, as únicas pinturas visibles de toda a escena e que reforzan aquilo que é apropiado para o xénero feminino.[3]
Outro dos aspectos salientables é a presenza dunha modelo no obradoiro, a cal se atopa totalmente vestida. A diferenza dos homes, elas non podían estudar espidos e isto excluíaas da pintura de historia, que era a máis valorada nese momento dentro do eido académico.
En contraposición á modelo, a autora ironiza coa presenza dun torso masculino que está localizado nun andel e que se atopa dado a volta de forma decorosa. Á súa vez, o torso de Afrodita, situado á beira da modelo, ten tapada a área xenital en referencia tamén aos límites estabelecidos para o ensino artístico das mulleres.[4]
Notas