Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes.
Mellóreo engadindo referencias que verifiquen as afirmacións contidas no artigo e engada referencias a pé de páxina. As afirmacións que constitúan unha fonte primaria non verificable deben eliminarse. Por favor, non quite esta mensaxe ata que o problema estea solucionado. (Desde novembro de 2019.)
A aldea de Salgueiro é un lugar de alto valor ecolóxico e etnográfico que está na vertente norte da serra do Xurés, no val do río Salas, situada a 1.030 metros de altitude. Foi abandonada polos seus moradores a mediados do século XX e actualmente é propiedade da Xunta de Galicia.
O camiño de Prado a Salgueiro lévanos á cruzar o val do río Salas por antigas pontes, que durante anos resistiron as enchentes do río agora regulado.
Salgueiro é unha mostra da estrutura dunha poboación de montaña. Está dentro da zona de protección especial do parque natural, sendo unha área de acceso restrinxido, polo que para a súa visita se precisa dunha autorización.
Mantendo a memoria
Os traballos de restauración e recuperación de actividades tradicionais para favorecer a súa transmisión entre as distintas xeracións son parte das actividades fomentadas polo parque natural. Nesta tarefa resultou fundamental a colaboración dos veciños de Prado. Os traballos de recuperación da aldea completáronse co pequeno roteiro etnográfico de Salgueiro.
No século XX Salgueiro converteuse nun lugar inhóspito para o home, e quedou abandonado. Con todo, como medio natural é un lugar privilexiado. Baixo as diversas formas de protección, entre elas parque natural e reserva da biosferaGerês-Xurés desenvólvense aquí varios traballos de recuperación ambiental.
Despois do seu abandono e sufrir un gran incendio, Salgueiro e os seus terreos foron adquiridos pola Xunta de Galicia para converterse nun modelo de desenvolvemento sustentable como a primeira aldea ambiental de Galicia.
O gran de centeo era a base da alimentación en Salgueiro, posto que coa súa fariña se elaboraba o pan. A malla facíase na eira e colaboraba nela todo o pobo e tamén os veciños de ao redor.
A mecanización dos labores agrícolas fixeron innecesarias tarefas tan duras como a malla.
A malla en Salgueiro
A malla facíase en agosto, e era unha tarefa moi ardua. Veciños de diferentes aldeas axudábanse para realizala. Nela separábase o gran de cereal da palla cos golpes do mallo. A semente gardábase en tullas da casa, e ao longo do ano se levaba ao muíño para facer fariña. A palla empregábase como alimento para o gando e tellado para as casas.
O forno
A transformación do cereal en pan
O forno de Salgueiro, como o muíño, era comunal e ía "a rolda", de veciño en veciño. Con cada fornada rematábase o ciclo dunha partida de cereal.
Cando chegaban pobres a Salgueiro a pedir esmola adoitaban quedar no forno. Era un lugar quente no que durmir, e os veciños dábanlles caldo ou outra comida. Debido á súa vida itinerante, a visita dos mendicantes era fonte de noticias doutros lugares nesta apartada aldea.
Recuperar para valorar
Unha contorna natural e humana singular.
Iniciou entón unha restauración parcial para darlle uso educativo, recreativo e de investigación ambiental, e dar a coñecer a cultura e as tradicións propias deste lugar.
As actuacións
Preténdese que a rehabilitación quede o máis integrada posible no contexto e a contorna, polo que se utilizaron os elementos propios do lugar. Na actualidade están rehabilitadas once casas, así como outras edificacións de interese patrimonial e etnográfico: muíño, eira, forno e a capela da aldea.
Unha aldea apartada
Salgueiro, lonxe no espazo e no tempo
Foi sempre unha das aldeas máis illadas do Xurés, rodeada por esta serra agreste. De orixe probablemente medieval, amasou riquezas coa produción de carbón. Mais a súa situación a 1.000 metros de altitude, a falta de electricidade, o seu mal acceso e o fin do uso do carbón como fonte de enerxía propiciaron o seu abandono na metade do século XX.
As festas eran o 13 de xuño, por ser Santo Antonio o seu patrón.
Os oficios en Salgueiro
Salgueiro foi unha aldea agrícola e gandeira, na que moitas tarefas se facían en común. Pero máis que nada foi terra de carboeiros, oficio que trouxo moito diñeiro á aldea e tamén penurias, pois era un traballo escravo e esgotador.
Casas de Salgueiro
As vivendas eran de dúas plantas e as palleiras para os apeiros, dunha soa planta e sen xanelas. O tellado era de colmo (palla de centeo). Son sobrias pero de boa cantaría, proba do diñeiro que tiña a aldea, que foi coñecida como "banco do Xurés". Xente de aldeas veciñas subía ata aquí a pedir préstamos.
Alvariza
A produción de mel non era unha actividade principal, pero varios dos seus veciños posuían colmeas nas aforas da aldea. Arredor delas alzábase a alvariza: un forte muro circular, que as protexía dos ataques dos osos.