Nuria Rábano
Nuria Rábano Blanco, nada en Ames o 15 de xuño de 1999, é unha futbolista galega que xoga de lateral esquerda no Utah Royals, da NWSL dos Estados Unidos de América. TraxectoriaNada en Ames, comezou a xogar ao fútbol no Milladoiro SD, onde exercía como adestrador seu pai, o ourensán Javier Rábano.[1][2] Xogou con nenos durante máis dunha década, ata que aos 16 anos deu o salto a un equipo puramente feminino, o Atlético Arousana de Vilagarcía.[3][1] Despois dunha soa tempada no club vilagarcián, foi fichada polo Deportivo da Coruña, que viña de crear a súa nova sección feminina. Xogou de inicio o primeiro partido oficial da historia do club e a pesar da súa xuventude, axiña se converteu en titular indiscutible.[4][2] Comezou xogando como extremo e incluso dianteira, ata que Manu Sánchez atrasou a súa posición ata o lateral, onde as súas actuacións a levaron ás categorías inferiores da selección española.[5] En 2019 debutou na Primeira División, despois de conseguir o ascenso na tempada anterior.[6] En 2020, fichouna a Real Sociedad, equipo co que na tempada 2021/22 conseguiu un subcampionato de liga e a clasificación para xogar a Liga de Campións o próximo ano.[7] O 17 de xuño de 2022 anunciouse a súa fichaxe polo FC Barcelona.[8] Co equipo adestrado polo tamén galego Jonatan Giráldez conquistou o título de liga de xeito asoballante, con 28 vitorias en 30 partidos e despois de encaixar só 10 goles durante a competición.[9] Chegou tamén á final da Liga de Campións, onde se proclamou campioa ao derrotar ao VfL Wolfsburg, aínda que permaneceu no banco todo o partido.[10] Foi a segunda Champions para o club e o terceiro título da tempada, despois de gañar tamén a Supercopa de España. En agosto de 2023 anunciouse a súa fichaxe polo VfL Wolfsburg, da Bundesliga.[11] Selección españolaFoi internacional coas categorías inferiores da selección española e proclamouse subcampioa do Mundial sub-20 de 2018.[12] En outubro de 2022 debutou coa selección española absoluta, nun partido ante Suecia no Estadio Nuevo Los Cármenes, onde substituíu na segunda metade a Olga Carmona.[5] Palmarés
Notas
Information related to Nuria Rábano |