Nikola Milinković (en serbio: Никола Милинковић), nado en Sanski Most o 19 de marzo de 1968, é un ex futbolista serbio que xogaba como centrocampista.
Traxectoria
Naceu en Sanski Most, na entón República Socialista de Bosnia e Hercegovina, dentro de Iugoslavia, e comezou a xogar ao fútbol no Radnički Zdena. Xusto antes de comezar a guerra de Bosnia trasladouse a Serbia e alí xogou dous anos no FK Bečej, antes de se mudar a España.
En 1993 fichou polo Lleida, co que debutou na Primeira División na terceira xornada da tempada 1993/94 contra o Rayo Vallecano. Marcou o seu primeiro gol en España na seguinte xornada, contra o Logroñés nas Gaunas, onde bateu ao gardameta Julen Lopetegui. Disputou un total de 31 partidos esa tempada, 26 deles de liga e 5 de Copa do Rei, e marcou seis goles, pero o equipo acabou descendendo. Xogou unha tempada máis co club catalán na Segunda División, disputando a promoción de ascenso, e a continuación fichou polo Almería, tamén de Segunda. Xogou unha tempada no club andaluz, onde foi o máximo goleador do equipo con 12 tantos.
En 1996 fixo a súa primeira incursión no fútbol portugués, fichando polo Chaves, que militaba na Primeira Liga. Disputou 39 partidos de liga nunha tempada e media co club portugués, anotando 8 goles. En decembro de 1997 chegou a Galicia, onde fichou polo Ourense, adestrado por Luis Rodríguez Vaz. No equipo ourensán fíxose coa titularidade no que restaba de tempada e logrou o obxectivo da permanencia. Na tempada 1998/99 contou con poucos minutos e deixou o equipo antes do remate da campaña. Regresou a Portugal e xogou dúas tempadas e media co Alverca na máxima categoría.
En 2001 trasladouse a Austria, onde xogou no Grazer AK, co que gañou a Bundesliga austríaca e dúas Copas de Austria, e no ASK Schwadorf, antes de regresar en 2005 a Serbia para militar no Radnički Niš.[1] Retirouse no USV Markt Hartmannsdorf austríaco en 2006.[2]
Vida persoal
Casou coa xogadora profesional de baloncesto Milana Savić e é pai dos futbolistas Sergej Milinković-Savić e Vanja Milinković-Savić e da xogadora de baloncesto Jana Milinković-Savić.[3]
Palmarés
Grazer AK
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas