O músculo ciliar é un anel muscular liso[2][3] situado na capa media (capa vascular) do ollo humano que controla a acomodación do ollo para ver obxectos situados a maior ou menor distancia e regula o fluxo de humor acuoso no canal de Schlemm do ollo. Fai cambiar a forma do cristalino, pero non o tamaño da pupila, do que se encarga o esfínter da pupila. Cando os músculos ciliares se contraen o cristalino faise máis esférico, ten maior potencia de refracción e permite enfocar obxectos próximos. Cando estes músculos se relaxan vense mellor os obxectos que están lonxe.
Estrutura
Desenvolvemento
O músculo ciliar desenvólvese a partir do mesoderma dentro da coroide[4] e considérase un derivado da crista neural cranial.
Innervación
O músculo ciliar recibe fibras nerviosas do parasimpático e do simpático procedentes do ganglio ciliar chamadas nervios ciliares curtos. Estas fibras postganglionares forman parte do par cranial III (nervio oculomotor).[5]
Os sinais simpáticos postsinápticos que se orixinan no ganglio cervical superior son transportados polo nervio nasociliar ou esténdense directamente desde o plexo carotídeo interno e pasan a través do ganglio ciliar. A activación simpática (adrenérxica) dos receptores beta-2 do músculo causan a relaxación e incrementan o tamaño do corpo ciliar. Isto tensa as fibras da zónula e o cristalino estírase e aplánase, o que fai decrecer o seu poder refractivo para pode ver mellor os obxectos que están afastados.
Os sinais parasimpáticos presinápticos que se orixinan no núcleo de Edinger-Westphal son transportados polo par cranial III (o nervio oculomotor) e viaxan a través do ganglio ciliar. A activación parasimpática dos receptores muscarínicos M3 fai que o músculo ciliar se contraia, o que ten como efecto a diminución do diámetro do anel do músculo ciliar. As fibras da zónula reláxanse e o cristalino faise máis esférico, incrementando o seu poder de refracción e permitindo a visión de obxectos próximos.
O ton parasimpático é dominante sobre o ton adrenérxico.[6]
Función
Acomodación
As fibras ciliares segundo a súa orientación poden ser fibras circulares,[7] lonxitudinais (meridionais) ou radiais.[8]
Segundo a teoría de Hermann von Helmholtz, as fibras musculares ciliares afectan ás fibras da zónula do ollo humano (fibras que sosteñen e manteñen suspendido o cristalino na súa posición durante a acomodación do ollo, tamén chamadas ligamento suspensor do cristalino), permitindo que se produzan cambios na forma do cristalino para enfocar a luz como mellor conveña. Cando o músculo ciliar se contrae, impúlsase cara a adiante e move a rexión frontal cara ao eixe do ollo. Isto relaxa a tensión no cristalino causada polas fibras zonulares (fibras que sosteñen ou aplanan a lente). Esta liberación da tensión nas fibras zonulares causa que o cristalino se faga máis esférico, adaptándose así para enfocar a curta distancia. No caso contrario, a relaxación do músculo ciliar causa que as fibras zonulares estean tensas, aplanando o cristalino, incrementando a distancia focal,[9] e enfocando para a visión de obxectos que están a maior distancia. Aínda que a teoría de Helmholtz foi amplamente aceptada desde 1855, o seu mecanismo aínda é controvertido. Hai teorías alternativas para a acomodación propostas por L. Johnson, M. Tscherning, e Ronald A. Schachar.[2]
Tamaño de poro do retículo microtrabecular
A contracción e relaxación das fibras lonxitudinais, que se insiren no retículo trabecular na cámara anterior do ollo, causa un incremento e decrecemento no tamaño do poro do retículo trabecular, respectivamente. Os poros grandes facilitan que o humor acuoso flúa ao canal de Schlemm, e os poros pequenos impídeno.[10]
Importancia clínica
Glaucoma
O glaucoma de ángulo aberto e o de ángulo pechado poden tratarse con agonistas do receptor muscarínico (por exemplo, a pilocarpina), que causan unha rápida miose e a contracción dos músculos ciliares, abrindo o retículo trabecular, facilitando a drenaxe do humor acuoso no canal de Schlemm e, finalmente, facendo decrecer a presión intraocular.[11]
Galería de imaxes
Notas
- ↑ 1,0 1,1 Gest, Thomas R; Burkel, William E. "Anatomy Tables - Eye." Medical Gross Anatomy. 2000. University of Michigan Medical School. January 5, 2010 Umich.edu Arquivado 26 de maio de 2010 en Wayback Machine.
- ↑ 2,0 2,1 Kleinmann, Guy MD; Kim, Hee Joon MD; Yee, Richard W. MD (2006). "Scleral Expansion Procedure for the Correction of Presbyopia." (article) International Ophthalmology Clinics. 46(3):1-12. Lippincott Williams & Wilkins, Inc. ISSN: 0020-8167.
- ↑ Schachar, Ronald A. (2012). "Anatomy and Physiology." (Chapter 4) The Mechanism of Accommodation and Presbyopia. Kugler Publications. 2001. ISBN 978-90-6299-233-1.
- ↑ Dudek RW, Fix JD (2004). "Eye" (chapter 9). Embryology - Board Review Series (3rd edition, illustrated). Lippincott Williams & Wilkins. p. 92. ISBN 0-7817-5726-6, ISBN 978-0-7817-5726-3. Books.Google.com, Retrieved January 17, 2010.
- ↑ Moore KL, Dalley AF (2006). "Head (chapter 7)". Clinically Oriented Anatomy (5th ed.). Lippincott Williams & Wilkins. p. 972. ISBN 0-7817-3639-0.
- ↑ Brunton LL, Blumenthal DK, Murri N, Dandan RH, Knollmann BC (2011). "Agents Acting at the Neuromuscular Junction & Autonomic Ganglia (chapter 11)". Goodman & Gilman's The Pharmacological Basis of Therapeutics (12th ed.). McGraw-Hill. p. 2138. ISBN 978-0-07-162442-8.
- ↑ Sampaolesi R, Sampaolesi JR, Zárate G (2009). "Ocular Embryology with Special Reference to Chamber Angle Development" (chapter 8). The Glaucomas - Pediatric Glaucomas (volume 1). Springer Berlin Heidelberg. pp. 61–69. ISBN 978-3-540-69146-4. Springerlink.com Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine.
- ↑ Riordan-Eva Paul, "Chapter 1. Anatomy & Embryology of the Eye" (Chapter). Riordan-Eva P, Whitcher JP (2008). Vaughan & Asbury's General Ophthalmology (17th ed.). McGraw-Hill. AccessMedicine.com Arquivado 06 de xullo de 2009 en Wayback Machine.
- ↑ Hardman JG, Limbird LE, Gilman AG (2006). "Table 6-1". Goodman & Gilman's The Pharmacological Basis of Therapeutics (11th Edition ed.). New York: McGraw-Hill. pp. 143–145. ISBN 0-07-142280-3.
- ↑ Salmon John F, "Chapter 11. Glaucoma" (Chapter). Riordan-Eva P, Whitcher JP (2008). Vaughan & Asbury's General Ophthalmology (17th ed.). McGraw-Hill. AccessMedicine.com Arquivado 06 de xullo de 2009 en Wayback Machine.
- ↑ Le, Tao T.; Cai, Xumei; Waples-Trefil, Flora. "QID: 22067". USMLERx. MedIQ Learning, LLC. 2006–2010. 13 January 2010 Usmlerx.com Arquivado 26 de outubro de 2012 en Wayback Machine.
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas