Un múltiplo é un tipo de numeral. Un múltiplo expresa multiplicación pola serie natural dos números a partir de dous: dobre, triplo etc. Por tanto, dobre equivale a multiplicado por dous, triplo a multiplicado por tres etc.
Lista de múltiplos
Os múltiplos con forma propia son:
dobre; duplo/a
triplo/a
cuádruplo/a
quíntuplo/a
séxtuplo/a
séptuplo/a
óctuplo/a
nónuplo/a
décuplo/a
céntuplo/a
Os restantes fórmanse mediante o cardinal correspondente seguido da palabra veces.
Función sintáctica
Como categoría gramatical, un múltiplo pode ter función pronominal (cando suple a un nome) ou adxectiva (cando o acompaña), por exemplo:
Pronomes:
Saquei o dobre de libros da biblioteca para esta fin de semana.
A lebre pesa o dobre ca o coello.
A presa tén o quíntuplo de auga que en verán.
Adxectivos:
Cómpre reforzar este amaño cunha soldadura dobre.
Este novo dispositivo de almacenamento tén tripla capacidade.
Verbos derivados
Os numerais múltiplos dan orixe aos seus respectivos verbos, por exemplo:
dobre dá dobrar
duplo dá duplicar
triplo dá triplicar
cuádruplo dá cuadriplicar
quíntuplo dá quintuplicar
séxtuplo dá sextuplicar
séptuplo dá septuplicar
décuplo dá decuplicar
céntuplo dá centuplicar
Outras formas derivadas
Algúns numerias múltiplos orixinan outras formas léxicas:
De dobre: dobra, dobradura, dobramento, dobraxe, dobregar, dobremente, dobrez, dobrón.
De duplo: dúplex, duplicación, duplicado, duplicador, dúplice, duplicidade, duplicidentados.
De triplo: triplete, triplicación, triplicador.
Os múltiplos en matemáticas
Fálase de múltiplo cando se está a tratar con cantidades que multiplican a outra.
Un múltiplo dun número é outro número que o contén un número enteiro de veces. Doutro xeito, un múltiplo de n é un número tal que, dividido por n, da como resultado un número enteiro (xa que o resto da división euclidiana é cero). Os primeiros múltiplos do un ó dez adoitan agruparse nas chamadas táboas de multiplicar.
Exemplo: 18 é múltiplo de 9.
a=18
b=9
a=2·b
En efecto, 18 contén 9 dúas veces de xeito exacto.
Propiedades dos múltiplos
Se a é un múltiplo de b, entón b é un divisor de a.
Todo número enteiro é múltiplo de 1 e de si mesmo.
Cero (0) é múltiplo de calquera número.
Se a e b son múltiplos de n, entón a+b, a-b, ka e kb sóno para calquera número k natural.
Submúltiplos
Un número enteiro a é submúltiplo doutro número b só se b é múltiplo de a.