O monte do Seixo ou O Seixo ou Cabeza do Seixo é un pico de 1706 metros de altitude [1] situado no concello de Chandrexa de Queixa. Punto de intersección entre os Montes do Invernadeiro e a Serra da Queixa. Ten unha prominencia de 133 m sobre As Touzas do Negredo (1,6km dirección ENE).[2]
Parte da súa aba sur está integrada no Parque Natural dos Montes do Invernadeiro declarado como tal en 1995 e de acceso restrinxido. Como parte do Macizo Central ourensán, fica todo el integrado na zona especial de conservación da Rede Natura 2000. A parte máis alta está fóra do parque natural, non así do ZEC. O cume veciño máis alto é o de Altos das Malladas (1.745 msnm).[2]
Rico en cuarcitas (composición que probablemente é o que lle dá o seu nome), preside o val do río Ribeira Grande que discorre atravesando o circo glaciar de Guasenza ou Figueiro. Aínda quedan restos de pasteiros naturais subalpinos e se poden atopar nardos e narcisos. Nos seus baixos cara ao sur gabea un dos bosques máis antigos de Galicia con capudres, salgueiros, bidueiros, acivros, carballos e outras especies. Abeira comunidades faunísticas ben estruturadas propias da área eurosiberiana dende o lobo a aguia real pasando pola pardela, os corzos e os reintroducidos cervos. O invernos son moi fríos e a neve enfeita o seu cume ata ben entrado o mes de maio.
Existe unha ruta a pé que vai dende este pico ata a Cabeza de Manzaneda.
Notas