Mimosa é un xénero que inclúe plantas herbáceas, arbustos, e árbores, dentro da subfamilia das Mimosóideas das Leguminosas. A especie máis curiosa do xénero é Mimosa pudica, coñecida simplemente como mimosa (non confundir coa Acacia dealbata) ou sensitiva, debido ao xeito no que move a súa follaxe ao ser tocada ou exposta á calor; mais hai moitas outras especies que tamén o fan á tardiña.
Distribución e hábitat
O xénero distribúese desde o sur de México, até o Uruguai e a Arxentina, pasando por América Central, e é amplamente usado como ornamental, tanto en interiores como en áreas tépedas, e en exteriores nos trópicos. O seu cultivo fíxoa unha maleza invadindo moitas áreas, notabelmente en Hawai.
Descrición
Os membros deste xénero atópanse entre as poucas plantas capaces de executaren o movemento rápido; os exemplos fóra de Mimosa inclúen Codariocalyx Hassk., e tamén Dionaea Ellis (coñecida coma dionea papamoscas). Mimosa pode distinguirse dun amplo xénero relacionado, Acacia e Albizia, posto que as súas flores teñen 10 ou menos estames. Nótese que, botanicamente, o que parece ser unha soa flor globosa é de feito un acio de moitos outros individuos.
Taxonomía
O xénero Mimosa ten unha historia torta e complxa, tendo períodos de subdivisións e de reagrupamentos, ultimamente acumulando máis de 3.000 nomes, moitos dos cales se sinonimizan baixo outras especies ou son transferidos a outros xéneros. En parte por mor deses cambios de circunscricións, o nome "Mimosa" aplicouse a varias outras especies vinculadas con follas semellantes pinnadas ou bipinnadas, mais agora clasificadas noutros xéneros, como en Albizia e Acacia.
En Rusia, Italia e outros países é costume agasalla ás mulleres, mimosas amarelas (xunto a outras flores) no día Internacional da muller (8 de marzo). Esa flor é de Acacia dealbata(a chamada comunmente mimosa en Galiza), que non é unha verdadeira Mimosa.
É amplamente usada en perfumaría, a extracción da súa esencia con éter de petróleo efectúase directamente a partir das flores apañadas.
La Forêt de Mimosas é unha obra cantada en francés por Kirsty MacColl que se trata dunha muller asasinada polo seu amante nunha foresta de mimosas.
A planta pode acharse en moitas partes de Bengala, onde se coñece como lajjabati (literalmente muller avergoñada).
Barneby, R.C. 1992. Sensitivae Censitae: A description of the genus Mimosa Linnaeus (Mimosaceae) in the New World. Memoirs of the New York Botanical Garden, vol. 65.
USDA, ARS, National Genetic Resources Program. GRIN. National Germplasm Resources Laboratory, Beltsville, Maryland. http://www.ars-grin.gov/cgi-bin/npgs/html/taxon.pl?300378 (9 de xaneiro de 2008)