Miguel Ángel Pérez Quintela, nado en Vilalba en 1938 e finado na Coruña o 20 de agosto de 2013, foi un político galego.
Traxectoria
Sendo moi pequeno traladouse a Valdoviño, onde seu pai fora destinado como mestre[1]. Foi corredor de comercio no ramo da alimentación[2]. Foi elixido concelleiro en Valdoviño como número 2 de Alianza Popular nas eleccións municipais de 1983, sendo a segunda forza política tralo PSdeG-PSOE, que logrou a alcaldía. Nas municipais de 1987 encabezou a candidatura de AP e foi elixido alcalde como cabeza da lista máis votada, gobernando en minoría. Volveu se-lo candidato do PPdeG nas municipais de 1991 pero perdeu a alcaldía en favor do socialista Delfín Fidalgo Fernández, o cal se viu apoiado polos restantes grupos da corporación. Ante o fracaso do pacto entre Fidalgo e os demais grupos, en agosto de 1993 alcanzou con este un acordo de goberno, sendo primeiro tenente de alcalde e concelleiro de cultura[3], non sen discrepancias internas no grupo municipal popular[4]. Nas municipais de 1995 foi o número 2 do PPdeG, pero non conseguiu recupera-lo goberno dado o pacto entre PSdeG, independentes (escisión popular) e o BNG. Abandonou o PPdeG en desacordo coa designación de Fernando Bouza Mesía como candidato nas municipais de 1999, e encabezou a Unidade Veciñal Democrática Valdoviñesa logrando 1 concelleiro e situándose na oposición. Á fin do mandato retirouse da vida política.
Vida persoal
Casou e tivo 9 fillos. Foi transplantado dun pulmón en 2002[5]. Faleceu na Coruña o 20 de agosto de 2013.
Notas
- ↑ La Voz de Galicia; Ferrol, 10-7-1987, p.28.
- ↑ La Voz de Galicia, Ferrol, 1-4-1983, p.22.
- ↑ La Voz de Galicia, Ferrol, 10-8-1993, p.39.
- ↑ La Voz de Galicia, Ferrol, 26-1-1994, p.43.
- ↑ Entrevsita en El Correo Gallego
Véxase tamén
Outras páxinas