Microcarbo coronatus

Microcarbo coronatus

M. coronatus en Stoney Point, Suráfrica
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Suliformes
Familia: Phalacrocoracidae
Xénero: Microcarbo
Especie: M. coronatus
Nome binomial
Microcarbo coronatus
(Wahlberg, 1855)
Sinonimia
  • Graculus coronatus Wahlberg, 1855 (protónimo)
  • Phalacrocorax coronatus Wahlberg, 1855

Microcarbo coronatus, vulgarmente coñecido como corvo mariño coroado, é unha especie de ave pertencente á orde dos suliformes, familia dos falacrocorácidos, unha das cinco que integran o xénero Microcarbo.

Trátase dun pequeno corvo mariño endémico das augas frías da corrente de Benguela no suroeste de África. É unha ave exclusivamente costeira e non se aventura a máis de 10 km en mar aberto. Esta especie está estreitamente relacionada con Microcarbo africanus, e ambas as dúas foron consideradas antigamente como da mesma especie.[1][2]

Distribución

Encóntrase nas costas do sur de África desde cabo Agulhas cara ao norte ata Swakopmund.

A poboación estímase que é de entre 2 500 e 2 900 parellas reprodutoras. Reprodúcese en pequenos grupos, e as colonias constan de só uns 150 individuos. O exame dos individuos anelados recuperados indica que os xuvenís poden dispersarse ao longo da costa ata 277 km dos seus niños, e os adultos móvense entre os lugares de reprodución e outras zonas litorais situadas ata 500 km de distancia.

Descrición

Mide entre 50 e 55 cm de lonxitude. Os adultos son negros cunha pequena crista na cabeza e unha mancha vermella na cara. As aves novas son marrón escuras na parte superior, marróns claras na parte inferior, e carecen de crista. Poden distinguirse dos Microcarbo africanus inmaturos polo seu ventre máis escuro e a súa cola máis curta.

Comportamento

Aliméntanse de peixes de movementos lentos e invertebrados, que capturan en augas costeiras pouco fondas e entre os kelpos.

Constrúe o seu niño utilizando kelpos, paus, e ósos, e fórraos con kelpos ou plumas. O niño normalmente está nunha posición elevada como sobre unha rocha, árbore ou estrutura construída polo ser humano, pero tamén pode facelo no chan.

Conservación

As ameazas que sofre esa especie son a predación dos ovos e pitos pola gaivota Larus dominicanus e o pelicano Pelecanus onocrotalus, molestias causadas polos humanos, verteduras de petróleo, e actividades pesqueiras comerciais, incluíndo o enredo en aparellos de pesca. A IUCN considéraa como "Case ameazada".[3]

Notas

  1. Johnsgard, Paul A. (1993). Cormorants, Darters, and Pelicans of the World. Washington: Smithsonian Institution Press. pp. 152–155. ISBN 1-56098-216-0. 
  2. Ian Sinclair, Phil Hockey and Warwick Tarboton, SASOL Birds of Southern Africa (Struik 2002) ISBN 1-86872-721-1.
  3. IUCN Red List. Consultado o 1-05-2016

Véxase tamén

Ligazóns externas