Unha mestura asfáltica é unha combinación de asfalto e agregados minerais pétreos en proporcións exactas. As proporcións relativas destes minerais e o seu tamaño determinan as propiedades físicas da mestura, que serán diferentes segundo o uso ou lugar onde se aplique.
A mestura asfáltica debe ser resistente ás accións dos axentes atmosféricos como a chuvia ou sarabia e ós cambios de temperatura. Outra característica fundamental é a resistencia á abrasión, xa que o uso principal deste produto industrial é a pavimentación de vías, pistas de aterraxe, superficies deportivas, etc.
As principais vantaxes das mesturas son:
Instalación rápida.
Adaptabilidade ós proxectos.
Pavimentación sen xuntas.
Baixo custo en comparación con outros materiais.
As mesturas asfálticas poden ser confeccionadas en plantas fixas ou móbiles con equipos fabricados para tal fin. Segundo as propiedades e espesores da capa, considérase que achegan capacidade estrutural ó pavimento.