Os adultos de mergo cristado miden de 52 a 58 cm de longo, cunha envergadura alar de 67 a 82 cm. Teñen un penacho de plumas bicudas e un peteiro longo e estreito vermello, coas beiras con dentes de serra. Os machos adultos teñen a cabeza negra con irisacións verdes, o pescozo branco e o dorso negro; mentres que o seu peito é castaño avermellado con pintas, teñen o ventre branco e os flancos cincentos. As ás son anegradas na súa maior parte, coas plumas secundarias brancas. As femias adultas teñen a cabeza e o pescozo de cor castaña avermellada e o resto do corpo agrisado, agás o ventre e as plumas secundarias das ás, que son brancos. Os xuvenís son similares ás femias, pero teñen a mancha branca das ás de menor tamaño.
Taxonomía e etimoloxía
A especie describiuna cientificamente Carl von Linné en 1758 na décima edición da súa obra Systema naturae, co seu nome científico actual, Mergus serrator.[5] A pesar da súa ampla distribución é unha especie monotípica, é dicir, non se recoñecen subespecies diferenciadas.[6]
A etimoloxía do xénero, Mergus, procede do verbo latinomergere que significa 'mergullarse'.[7] O seu nome específico, serrator, tamén procede do latín e significa 'serrador',[8] polo seu peteiro con dentes de serra.
Hábitat e distribución
É unha ave de distribución holártica, que cría no norte de Eurasia e Norteamérica. Trala época de cría migra ao sur cara ás zonas costeiras temperadas do Atlántico e Pacífico de ambos os continentes. Tamén é invernante en Europa central e Mediterráneo. En América baixa ata o sur de Florida, En Asia ata o sur da China e en Europa chega ata o norte da Península Ibérica (en Galicia é un invernante regular) e Grecia. En Islandia, as illas británicas, o sur de Escandinavia e as costas meridionais de Alasca está presente todo o ano.
Comportamento
Son mergulladores e comen peixes pequenos principalmente, mais tamén insectos acuáticos, crustáceos e ras.
É un voador potente que en voo horizontal alcanza os 129 km/h.[9]
↑Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.