Comezou a súa formación musical e a tocar o piano coa súa tía Honoria Goicoa, Alberto Garaizabal e Pilar Castillo, antes de ingresar no Real Conservatorio de Música de Madrid grazas a unha bolsa de estudos da Deputación da Coruña. Alí, baixo a dirección de José Cubiles, tivo a mestres como Benito García de la Parra, José Moreno Bascuñana, Juan Tellería, Juan Ruiz-Casaux e Enrique Aroca.[1] Tras graduarse en Madrid con méritos como o primeiro Premio Fin de Carreira, o Premio Extraordinario de Piano María del Carmen e o Premio Extraordinario de Virtuosismo, trasladouse a París onde foi alumna de Lazare Lévy e George Enescu. Concertista dende os 16 anos, fixo xiras por España e Francia, sendo recoñecida co primeiro Premio de Música de Cámara e o Premio de Interpretación de Música Francesa.[2] Traballou con profesionais como Salvador Bacarise, Luis Galve, María Victoria de los Ángeles ou Narciso Yepes.[3]
Como docente empezou no Conservatorio de Madrid mais entre 1963 e 1993 foi profesora superior de piano no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.[3] En 1987, foi comisaria da exposición Rubinstein y España, organizada co gallo do centenario de Arthur Rubinstein.[2] Tamén fixo publicacións de crítica e divulgación musical para editorais como Labor ou Santillana e artigos para xornais como La Voz de Galicia e revistas especializadas como Ritmo e Montsalvatge.[1]
Ingresou, o 13 de decembro de 1986, na sección musical da Real Academia Galega de Belas Artes co discurso "De lo estéctico expresivo a la interpretación musical" que foi respondido por Rogelio Groba.[4] Posteriormente, integrouse na mesa directiva desta institución como Bibliotecaria-Conservadora, e, en 2003, foi escollida presidenta, sendo a primeira muller en ocupar un cargo semellante en España.[5] Mantívose no cargo ata 2014, cando renunciou por mor da saúde, ocupando dende entón a presidencia de honra.[6] Na Real Academia Galega de Belas Artes promoveu a creación e dirixiu o Arquivo Musical de Galicia para recoller a obra de compositores galegos ou residentes en Galicia dos séculos XIX e XX, así como, a rehabilitación da Casa do Consulado, sede da Academia, para acoller actos abertos á cidadanía.[7] Faleceu o 11 de novembro de 2022 na Coruña aos 94 anos de idade.[8]