María del Carmen Quintero Corredoira, máis coñecida como Mary Quintero, nada en Melide (Provincia da Coruña) o 9 de novembro de 1931, é unha das pioneiras da fotografía profesional en Galicia, pioneira na utilización en España do proxector de fondos e o retoque fotográfico. O seu traballo foi recoñecido con numerosos premios, entre eles o Premio "Mejor Fotógrafo de España", outorgado no II Congreso Nacional de Fotografía en 1981 e a Medalla de Bronce de Galicia (2002).
Traxectoria
Inicios e primeiras exposicións
Mary Quintero iniciouse no campo da fotografía co seu pai Aurelio Quintero e a súa nai Amadora Corredoira. O seu pai tiña un estudio en Melide e tamén facía fotografía minuteira no exterior. A súa nai encargábase do retocado das fotos. No ano 1940 a familia desprazouse a Lugo e abriron un estudio chamado Fotografía Quintero. Aos nove anos, Mary Quintero ingresou nunha academia para estudar piano e pintura, formándose na composición, a luz e a cor. Mentres, no estudio fotográfico familiar, daba cor e retocaba fotografías dun xeito lúdico. Aos catorce anos, marchou a Madrid a estudar co fotógrafo Pedro Jaraba, con quen aprendeu a perfeccionar a técnica do retoque e da pintura con cores transparentes. Ademais, matriculouse nunha escola para estudantes de arquitectura, onde estudou co pintor Carlos Pascual de Lara para mellorar a técnica do debuxo.[1]
De volta en Lugo, o director de Radio Lugo viu fotografías de Mary e animouna para facer unha exposición, que se realizou en 1947 no Círculo das Artes baixo o título "Nuevos horizontes de la fotografía". Foi a súa primeira exposición, a idade de quince anos"[2] e converteuse na primeira fotógrafa en asinar unha exposición en Galicia.[3]
En 1950, apoiada pola pintora Lola Ponte, realizou a súa segunda exposición, no Centro de Turismo de Lugo, titulada "Cincuenta retratos de mujer", composta por retratos de mulleres da alta sociedade luguesa. Grazas a este traballo empezou a ser coñecida e reclamada para a realización de novos retratos. Acompañada do seu pai, viaxou periodicamente a Vigo e, establecendo o seu estudio no Hotel Alameda da Praza de Compostela, retratou gran parte da alta sociedade viguesa.[1]
En 1952,de novo co apoio de Lola Ponte, realizou a súa primeira exposición en Vigo, no salón da pastelaría "El Molino", titulada "Novos valores". O éxito da exposición, onde entre outros retratos, se expoñía un realizado ás fillas de Enrique Lorenzo Docampo, incrementou a súa clientela viguesa. Ese mesmo ano casou con José Álvarez e un ano máis tarde naceu o seu primeiro fillo José Manuel.[1][4]
Establecemento en Vigo
En 1954, debido ao aumento do traballo en Vigo, o marido de Mary deixou noutras mans a súa granxa de vacún en Monterroso -cos anos quedou á fronte dela, como Granxa Maruxa, a súa filla Marta - e decidiron trasladarse a vivir nesa cidade[5], onde naceron o seu fillo Carlos e as súas fillas María e Marta.
Co fin de combinar o traballo doméstico co profesional, alugaron un piso o suficientemente grande para cumprir a dobre función de fogar e estudio fotográfico. Mary Quintero instalouse no número 32 da rúa Urzáiz e co tempo chegou a ter ata once empregados, aínda que o seu equipo de traballo até a súa xubilación estivo formado por catro mulleres: Ana, María Jesús, Marilí e (anos máis tarde) a súa filla María.[1]
Nesta época Mary Quintero realizou varias exposicións. En 1963, a exposición "Bellos rostros", realizada no Salón de exposicións de foto Club en Vigo, que representaba uns vinte retratos de mulleres viguesas, foi recollida na prensa e difundida nunha reportaxe de Televisión Española. A revista Información Profesional Kodak publicou tres retratos da súa autoría acompañados dun artigo e Francisco Torres Díaz, autor do libro Un siglo de fotografía en España, destacouna como unha das fotógrafas da década dos sesenta máis sobresaíntes en retrato do panorama español.[1]
Entre as innovacións de Mary Quintero, destacou por ser a primeira que deu cor ao branco e negro co pincel, en tempos nos que na fotografía non existía, aproveitándose dos seus coñecementos de pintura.
"Na época dos retratos en branco e negro, souben achegar a partir da miña propia paleta o condimento equilibrado e harmónico da cor. O que me fixo famosa foi pintar fotos a man, con cores transparentes"[6]
Adaptación á fotografía en cor
Nos anos setenta, Mary Quintero logrou adaptarse aos cambios da fotografía en branco e negro á de cor e converteuse na vangarda na utilización de tecnoloxías como o proxector de fondos (do que foi pioneira na súa introdución e uso en España e Portugal) e na elaboración dunha nova técnica de retoque fotográfico para a fotografía en cor. Conseguiu ser recoñecida como unha das profesionais máis relevantes da fotografía de estudio e a máis prestixiosa retratista galega.
Participou como relatora en numerosos congresos e seminarios do España, Europa, Rusia, América do Sur para expoñer os seus coñecementos xunto aos máis importantes fotógrafos españois e internacionais, sendo durante moitos anos a única muller nos congresos da industria fotográfica. Realizou numerosas exposicións e o seu traballo foi publicado en revistas especializadas como Foto Profesional, Información Profesional de Kodak, Foto/VENTAS etc.[1][7]
En 1994, a revista Hiposulfito, publicación estatal da Federación Española de Profesionais da Fotografía, destacando a súa produción artística, a súa profesionalidade e o seu estilo, afirmou: “Se Mary Quintero nacese nos EE.UU., multitude de libros internacionais incluirían o seu nome xunto a Hamilton, Lord Snowdon, Yussuf Karsh, Steichen, Sarah Moon ou Hideki Fujii e sería coñecida en todo o mundo. Como naceu en Vigo, a súa fama só transcendeu aos países contiguos (Francia e Portugal) e a América do Sur, onde a través de conferencias e demostracións, significouse como un exemplo do retrato comercial español”.[9]
Xubilouse a finais do ano 2002 aos setenta anos, deixando o negocio familiar en mans da súa filla María, aínda que seguiu asistindo a seminarios e conferencias e continuou recibindo premios e recoñecementos[8]. A súa relación coa fotografía continuou a través da pintura.[10]
Quintero, Mary. Álbum de carnaval. Madrid: Grupo foto, 1987. ISBN 84-404-0487-5
Quintero, Mary. Así os viu a súa cámara. Vigo: Concellería de Cultura, Educación e Muller, 1995. ISBN 84-87637-29-9. (Catálogo da exposición presentada na Casa das Artes en Vigo en 1994).
En novembro de 2015 presentouse en Vigo o libro Mary Quintero, retratista desde os 15 anos, con textos de Fernanda Padín e editado por Xerais. O libro recolle os máis de sesenta anos de profesión de Quintero, con datos privados e técnicos, referencias a artigos periodísticos e anécdotas contadas pola propia fotógrafa. ISBN 978-84-9914-937-0.[11]
Recoñecementos
Ao longo da súa vida profesional recibiu numerosos premios e homenaxes[1]:
1981. Premio "Mellor Fotógrafo de España", outorgado no II Congreso Nacional de Fotografía celebrado en Oviedo.
1981. Granada de Ouro da asociación Profesional Andaluza.[12]
1981. Homenaxe na Coruña dos fotógrafos galegos.[12]
1984. Medalla Meritxell do Principado de Andorra.[12]
1986. Premio "La novia de año Kodak " patrocinado por Kodak e Pronovias.
1988. Premio "libro del Año" de imaxes polo seu libro Álbum de carnaval.
1990. Óscar do ano por ser elixida a Fotógrafa máis Popular de España nunha enquisa realizada pola revista especializada, Foto/VENTAS a fotógrafos profesionais españois.
1991. Representación de España para asistir a unha conferencia a petición da Oficina Cultural Soviética.
2004. Homenaxe pola súa traxectoria fotográfica no 1º salón Internacional Galaico-Portugués de Fotografía e Vídeo "Atlantimag", na Feira Internacional de Galicia.
2005. Elixida Profesional do ano (Óscar 2005) pola revista Foto Ventas dixital.
2011. O Concello de Monterroso asignoulle o seu nome a unha rúa.[14]
2013. O Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo invitouna a participar nun ciclo de charlas titulado "Historias vividas e contadas polas súas protagonistas" para homenaxear a mulleres que fixeron historia na cidade de Vigo.[15]
2013. A Agrupación Fotográfica Galega rendeulle unha homenaxe inaugurando un ciclo de conferencias coa súa presenza.[16]
2015. A Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega organizou unha xornada titulada "A luz que alumea a vida" para visibilizar e homenaxear o seu legado.[18]
2015. Homenaxe en Mondariz Balneario organizada por amizades, colaboradores e compañeiros.[19]
2017. Premio Empresarias Galicia, outorgado pola Asociación Empresarias Galicia[20]