Criado no ensanche compostelán, desde os 6 anos viviu no concello de Teo. Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, realizou a especialidade en Medicina de Familia na área de Santiago de Compostela. Traballou en Atención Primaria da Comarca de Compostela e tamén como médico coordinador na Fundación de Urxencias Sanitarias do 061. DEA en Saúde Pública pola USC. En marzo do 2020 no comezo da pandemia da COVID, reincorporouse á Atención Primaria como médico de familia na área sanitaria de Santiago-Barbanza.
Carreira política
Despois de militar na asociación de estudantes universitarios CAF e de ser representante dos estudantes no claustro da Universidade de Santiago, dende 1995 comezou o traballo político no BNG de Teo e en 1999 converteuse en voceiro desta formación no concello. En 2006 entrou no Consello Nacional do BNG, e logo das eleccións municipais de 2007 converteuse en alcalde de Teo, cun goberno en minoría. En 2011 volveu ser elixido alcalde ao acadar a maioría absoluta.
Como membro e vicevoceiro do colectivo Encontro Irmandiño abandonou o BNG en febreiro de 2012, pasando en xullo dese mesmo ano a formar parte do movemento político ANOVA-Irmandade Nacionalista, desenvolvendo nunha primeira etapa o seu traballo político como responsable de Acción Institucional. En xullo do 2013, despois da celebración da I Asemblea Nacional desta organización política, foi elixido Coordinador Nacional. En novembro do 2014, despois da celebración da II Asemblea Nacional de Anova, Martiño Noriega foi elixido Portavoz de Anova xunto a Xosé Manuel Beiras.
En maio de 2015 encabezou unha candidatura de unidade popular en Santiago, Compostela Aberta, que resultou a lista máis votada nas municipais do 24 de maio. O 13 de xuño deste ano foi investido alcalde de Santiago de Compostela, sucedendo ao popularAgustín Hernández.
En setembro de 2018 anunciou a súa intención de volver a concorrer como candidato á alcaldía para as eleccións municipais en maio de 2019, coa idea de repetir co mesmo equipo de goberno para tratar de dar continuidade ó capital político e á experiencia acumulada.[1]
En setembro de 2022 volveu a ser portavoz nacional de Anova, cargo que compatibiliza co seu traballo como médico de familia.[3]
Vida persoal
É parella de Antía Otero, con quen ten unha filla e un fillo.[4]
Obra publicada
Obra individual
Por un común denominador. A esquerda da nación. 2.0 editora (2011).
Publicou artigos de opinión en diferentes xornais como Público, A Nosa Terra, elDiario.es, La Voz de Galicia, Sin Permiso ou El Correo Gallego. Dende setembro de 2021 mantén unha colaboración semanal no xornal Nós Diario[5].
Obras colectivas
Á beira de Beiras. Homenaxe nacional, Galaxia (2011)
Unha cesta de pombas e mazás. Homenaxe a Isaac Díaz Pardo, Edita. Academia Real Isaac Díaz Pardo. (2013)
Entrementres. Ensaios para unha nova cultura política. Corsárias Editora. (2014)
A contradición permanente. Conversas sobre cinco anos de política convulsa (2012-2017). Libro de conversas co poeta é xornalista Daniel Salgado. Edicións Xerais (2017)