Margarita Poza Domínguez, nada na Coruña en 1972,[1] é unha investigadora do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña e profesora asociada da Universidade da Coruña que dirixe o proxecto CovidBens.[2]
Traxectoria
Margarita Poza é doutora en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. No ano 2007 incorporouse ao Instituto de Investigación Biomédica dentro do Programa de estabilización de doutores Isidro Parga Pondal da Xunta de Galicia. No ano 2012 tras conseguir a acreditación Manuel Colmeiro entrou nun programa de estabilización de investigadores nas Fundacións de Hospitais.[3] Na actualidade, ademais de investigadora é Profesora Asociada de Microbioloxía na Universidade da Coruña.[4]
A súa principal liña de investigación é o estudo da microbiota intestinal e o cancro colorrectal.[5] Pero tamén coordina o proxecto CovidBens, xunto a Ricardo Cao e Susana Ladra, no que traballa un equipo multidisciplinar de persoas expertas que analiza as augas residuais que chegan á estación depuradora de Bens, onde se verten os refugallos procedentes dos municipios da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, para medir a cantidade de coronavirus na auga residual.[6] O proxecto foi un dos vinte premiados pola RAGC en xullo de 2020.[7][8]
Notas