Marcos Remeseiro Conde, nado na Coruña o 21 de xullo de 1992, é un futbolista galego. Xoga de mediapunta e o seu equipo actual é o Bergantiños.
Desenvolveu case toda a súa carreira na Terceira División, militando en numerosos equipos, entre eles o Cerceda, o Fabril, o Compostela ou o Bergantiños. Xogou tamén na Segunda División B co Somozas.
É curmán do tamén futbolista Jason Remeseiro.[1]
Traxectoria
Inicios
Tras despuntar nas categorías inferiores do Ural uniuse ao equipo xuvenil do Racing de Ferrol en 2009.[2] Na súa segunda tempada en Ferrol debutou co primeiro equipo na Segunda División B, disputando tres partidos. Continuou nos xuvenís unha tempada máis, saíndo cedido en abril de 2011 ao Galicia de Mugardos, de Preferente.[3] Ao volver da cesión desvinculouse do Racing e fichou polo Cerceda,[4] co que xogou dúas tempadas en Terceira División.
En xullo de 2013 fichou polo Fabril, tamén na Terceira División.[5] Militou dúas tempadas no filial branquiazul, anotando na segunda 16 goles, dous deles na fase de ascenso na que eliminaron ao Durango,[6] caendo logo contra a UD San Pedro. O 3 de decembro de 2014, debutou co primeiro equipo do Deportivo da Coruña nun partido de Copa do Rei contra o Málaga en Riazor (1–1).[7]
Tras o frustrado intento de ascenso en 2015 fichou pola UD Somozas, en Segunda B. Estreouse xogando a Copa Deputación, na que o equipo se proclamou campión derrotando na quenda de penaltis da final ao Racing de Ferrol, tras rematar o partido 1-1, cun gol de Remeseiro.[8] Disputou un total de 40 partidos co equipo das Somozas, nunha tempada na que remataron na oitava posición da 2ª B, a mellor clasificación da historia do club.
Na tempada 2016/17 marchou a Asturias, para xogar no Oviedo-Vetusta, filial do Real Oviedo. Disputou 34 partidos co club ovetense, anotando 11 goles.[2] Volveu a continuación a Galicia, fichando polo CD Boiro, no que permaneceu un ano, disputando 40 partidos e marcando 7 goles.
Na tempada 2018/19 asinou pola SD Compostela, tamén de Terceira. Co equipo santiagués rematou a tempada en 3ª posición e xogou a fase de ascenso, onde caeu fronte ao filial do Deportivo Alavés.[9]
En 2019 fichou polo Bergantiños.[10] Co club de Carballo disputou o histórico partido de Copa do Rei fronte ao Sevilla en Riazor.[11]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas