Manuela Escamilla, nada en Monforte de Lemos o 20 de maio de 1648 e finada en Madrid en 1721, foi unha actriz, cantante, música e autora de comedias galega do Século de Ouro. Filla natural de Antonio Escamilla, iniciouse na farándula con só seis anos e herdou o legado profesional paterno como "graciosa" e empresaria.
Traxectoria
Filla de Francisca Díaz e Antonio Escamilla, Manuela figura xa en xaneiro de 1654 con categoría de 'terceira dama' da compañía de Pedro de la Rosa actuando en Madrid até Entroido do ano seguinte. Pasaron logo á de Francisco García "o Pupilo", onde o seu pai Antonio figuraba como especialista en “representar a parte da graciosidade”, e a súa filla Manuela para “representar as terceiras damas da graciosidade”. Pai e filla inscribíronse así nos anais da historia dos cómicos españois, herdeiros do legado de Juan Rana.
Deduciuse que cara ó ano 1677, xa con vinte e nove anos, Manuela alcanzou o posto de primeira dama (equivalente á primeira actriz ou actriz protagonista de séculos posteriores), aínda que xa un ano antes contábase entre as favoritas dos favores reais. Tamén figura, xa como autora aínda que é probable que só fose apoderada do seu pai, dirixindo a compañía familiar en Valencia, Selecta e Cádiz entre 1683 e 1690. Non se coñecen datos sobre os seus últimos anos, aínda que diversos autores aceptan que morreu septuaxenaria no Madrid de 1721.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía