| Atención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión.
- WP:BPV
Por favor, vexa a lista de problemas indicados neste modelo e mellóreo de acordo coas indicacións. Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico. (Desde xaneiro de 2019) |
Manuel Gómez-Franqueira Álvarez, nado en Castrelo de Miño o 14 de novembro de 1947, é un empresario galego. Preside o Grupo Coren, a maior cooperativa agroalimentaria de España. É fillo do empresario e político Eulogio Gómez Franqueira, impulsor de Coren, e de Sofía Álvarez. Está casado e ten tres fillos.
Traxectoria
Manuel Gómez-Franqueira Álvarez é Enxeñeiro Técnico Industrial pola Escola de Enxeñeiros Industriais de Vigo en 1972, e máster en Alta Dirección de Empresas pola Universidade de Navarra. Realizou cursos de especialización en produción avícola, porcina e vacún en Holanda e Inglaterra, ademais doutros cursos sobre industrias agroalimentarias, estudos de mercado e de comercio exterior. Tamén se especializou en temas comunitarios durante unha estancia en Bruxelas. Igualmente, e como complemento á súa formación, traballou en industrias de transformación en Italia.
Na actualidade, preside Cooperativas Ourensás Sociedade Cooperativa Galega (Coren SCG), xurdida en 1959 por iniciativa do seu pai, Eulogio Gómez Franqueira, a partir das antigas UTECO.
Manuel Gómez-Franqueira Álvarez incorporouse a Coren no ano 1975, en calidade de Director de Industrias, ocupando posteriormente a xerencia de Producións Gandeiras e a Dirección Comercial. En 1984 accedeu á Dirección Xeral e, desde 2011, é Presidente e Conselleiro Delegado do Grupo.[Cómpre referencia]
Desde o primeiro momento da súa chegada á dirección do Grupo Coren en 1984, apostou polo cooperativismo como modelo empresarial. Intensificou os seus esforzos, os do seu equipo e dos socios integrados na cooperativa co fin de consolidar o proxecto de Coren. O seu primeiro reto foi dirixir a adaptación do grupo ao mercado común europeo, ante a entrada de España na CEE. Desde entón, o crecemento do grupo foi continuo.[Cómpre referencia] Entre as claves do seu éxito cabe destacar a súa capacidade para diversificar liñas de negocio, até alcanzar unha presenza sobresaliente nos mercados avícola, porcino e vacún. A iso únese a aposta pola expansión internacional, iniciada a finais dos anos 80, alcanzando actualmente unha ampla presenza en países dos cinco continentes. O grupo Coren xera na actualidade máis de 6 000 empregos, entre socios e cooperativistas, e rexistra un volume de facturación na contorna dos 1 000 millóns de euros.[Cómpre referencia]
Recoñecementos
Ó longo da súa actividade profesional e empresarial, foi galardoado con numerosas distincións e condecoracións persoais e de empresa, entregadas por institucións públicas e privadas, organizacións empresariais, medios informativos e universidades, entre outros.
En 1996, a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao en recoñecemento ao seu compromiso con Galicia.[Cómpre referencia] No ano 2002, foi nomeado Socio de Honra pola Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Negocios Caixanova[Cómpre referencia], mentres en 2003, a asociación Amigos da Universidade de Vigo outorgoulle o seu máximo recoñecemento, Amigo Distinguido[Cómpre referencia]. Tamén no ano 2003, o Ministerio de Traballo impúxolle a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo, como recoñecemento ao seu mérito no desempeño da súa actividade empresarial, mentres o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación galardoou a Coren como Mellor Empresa Agroalimentaria Española de 2003.[Cómpre referencia]
En 2005, o Club Financeiro de Vigo distinguiuno coa Medalla de Ouro da institución, en recoñecemento á figura do empresario como eixo e motor da economía dun país, fundamentalmente a través do seu papel como innovador e xerador de riqueza, emprego e, en definitiva, de benestar. Ese mesmo ano, a Consellería de Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia outorgou ao grupo Coren o Premio Agrario na categoría de Calidade Alimentaria.[Cómpre referencia]
A revista Actualidad Económica concedeulle en 2006 o Premio ao Éxito Empresarial da Comunidade.[Cómpre referencia] Xa en 2008, foi condecorado como Galego do Ano polo Correo Galego. Tamén recibiu recoñecementos en Portugal, xa que no ano 2009, o grupo Coren foi elixido como Mellor Empresa Española en Portugal pola Cámara Hispano-Portuguesa de Comercio e Industria.[Cómpre referencia]
En 2010, Manuel Gómez-Franqueira recibiu o premio Grelo de Ouro concedido pola Fundación Amigos de Galicia, pola contribución de Coren ao emprego e mellora das condicións de vida no rural galego.[Cómpre referencia]
En novembro de 2013, a Asociación Galega de Empresa Familiar distinguiu á familia Gómez-Franqueira como Familia Empresaria de Galicia.[Cómpre referencia]
Véxase tamén
Ligazóns externas