Desde moi novo tivo afección pola música, sobre todo na interpretación con guitarra eléctrica, e formouse na escola de música A Casa do Rock, na súa cidade natal.[3][4]
Esteban & Manuel
Despois de colaborar con varios grupos, deuse a coñecer co dúo Esteban & Manuel, que recuperou o espírito da verbena a ritmo de cumbia, trap e auto-tune.[5][6] Hai quen os considera "os pais galegos da cumbia-tune".[7] Actuaron no Monkey Week[8] de Sevilla e caracterizábanse por vestir un de vermello e o outro de azul. Un dos temas máis coñecidos de La banda sonora de tu día a día (La Melona, 2017)[9] foi Ela namoroume.
Boyanka Kostova
Desde 2016, Cibrán García (Saibran Yiyi) e O Chicho do Funk formaron Boyanka Kostova, dúo galego de música trap.
2024: Foliada do inferno Cara A: A resposta / Bo chaval / Comida, viño e cancións / Que che den polo cu / Todo me sabe a ti / Fóra da lei. Cara B: Doimakarra / Porralume / Italofeira / Foliada do inferno / Rayo solar
Ortiga
Ortiga é un proxecto en solitario do Chicho que arrincou en 2019[10] con Chicho & sus chichas (Ernie Records). Ortiga é unha evolución do son de Esteban & Manuel, con algunhas peculiaridades que o achegan máis á electrónica, mais sen perder a alma latina e de festa popular, os seus sinais de identidade xunto co auto-tune. Os dez temas fan referencia á terra e a xente real:[11]Pistolera, Acostumbrao, Bolero digital, Chantadanfestas, O solar, Mambito de los enamoraos, La Ortiga, Las motos de agua, Para no ia (remix), Chicho y sus chichas.
Con elementos da salsa, o merengue, a cumbia e a bachata, contan co Auto-Tune típico das cancións trap, mais a base ten unha caixa de ritmos electrónica. Hai cancións en galego e nun dos cortes hai un son dun titorial sobre ortigas,[12] porque a ortiga é unha planta híper galega e tivo experiencias na infancia con ela.[13]
Esteban e Manuel fomos os que empezamos co tema das cumbias, estabamos na escena underground galega pero non había ninguén interpretando este estilo, entón foi innovador. Con Boyanka Kostova pasou o mesmo pero co trap galego, que apenas había. Agora con Ortiga podo facer o que me dá a gana, porque estou eu só. Boyanka é trap, nel son unha especie de xograr que retrata o momento actual con música e facendo o parvo, e Ortiga é máis latino e cóntalle a súa vida á peña
Na primavera de 2021 lanzou Nanana e Helicóptero, dúas novas cancións.[16] En setembro de 2021 lanzou o disco Sabes el Camino que Elegí,[17] que recolle esas cancións. Composto entre 2019, 2020 e xaneiro e febreiro de 2021, foi gravado e mesturado por Hevi en Laboratorio Soyuz entre decembro de 2020 e febreiro de 2021. Foi masterizado por Cem Oral, producido por Chicho e coproducido por Hevi. A maioría das letras e das músicas son de Chicho do Funk. Son dez temas con salsa, cumbia, bachata -e outros- mesturados coa electrónica, o autotune e o folclore.
Discos
Chicho & sus chichas (2019): Pistolera, Acostumbrao, Bolero Digital, Chantaenfestas, O Solar, Mambito de los Enamorados, La Ortiga, Las Motos de Agua, Para no ia (remix), Chicho y sus Chichas. Ernie Records.[18]
Sabes el Camino que Elegí (2021): Vinilo 12", A Veces, Un buen chico, Salsa de piraña, Que máis dará, Elicóptero, Ex-jipi, Tu saporr, Nanana, YNSDDSTS. Ernie Records.[19]
Obra social (2024):[20][21] CTQ intro, Como ti queiras, Le hice el sexo a tu novio, Papá & Mamá, Andiamo fare la bossa nova, A nosa verbena, Cumbia vertical, 5ª dimensión, Fin de semana, A raíz do toxo. Raso Estudio.
Ortiga e Grande Amore
En 2021 Ortiga & Grande Amore presentaron Los rastreadores. Nos seus seis cortes, ‘Los Rastreadores’ "teñen elementos de techno, de rumba, de ritmos latinos, de rap… porque para iso están feitos, para que recollan todos os elementos que a eles sempre lles encanta atopar na música que lles transmite algo".[22] Os artistas gravaron todo o proceso de creación, composición e gravación para o disco, a cargo de Álvaro Alvite.[23]
Ortiga e Pili Pampín
Neste mesmo ano, Ortiga coñeceu a Pili Pampín no programa Land Rober da televisión galega. Desde a emisora pedíuselles unha colaboración conxunta para o programa de fin de ano. Da unión dos dous artistas saíu unha versión, a ritmo de cumbia, do tema tradicional "eu chorar chorei", da que presentaron posteriormente un videoclip.[24]