Manuel Cordeiro Lestón, nado en Vigo o 29 de febreiro de 1928 e finado na Coruña o 10 de maio de 2012, foi un futbolista galego. Xogaba de porteiro e militou durante case toda a súa carreira no Deportivo da Coruña, onde foi suplente de Juan Acuña e Otero.
Traxectoria
Comezou a xogar ao fútbol en equipos infantís vigueses, fichando anos despois polo Atlético Matamá.[1] Destinado en Ferrol para realizar o servizo militar, ingresou na Mariña e xogou nos torneos que alí se realizaban. Na cidade departamental xogou no Galicia en 1943-44, e logo fichouno o Racing de Ferrol, que o cedeu na tempada 1945/46 ao Galicia , que estaba na Terceira División, onde comezou a destacar. As súas actuacións chamaron a atención do Deportivo da Coruña, que o fichou a finais de agosto de 1946.[2]
No club coruñés foi suplente de Juan Acuña durante varias tempadas. Debutou o 24 de novembro de 1946 fronte ao Sabadell na Creu Alta, aproveitando unha lesión nun ombreiro de Acuña.[3] Xogou só 9 encontros nos seus tres primeiros anos na Coruña, e para a tempada 1949/50 foi cedido á Orensana, que militaba na Segunda División, nun intercambio polo que o tamén porteiro Pita pasou ao Deportivo.[4] No equipo adestrado por Cuqui Bienzobas foi titular durante case toda a tempada, rematando na oitava praza final.
De regreso no Deportivo, volveu ser suplente de Acuña, nos seus últimos anos deportivos, e máis tarde de Otero, trala retirada do histórico gardameta coruñés. Na tempada 1953/54 xogou uns meses cedido no Xuvenil, que lograría nesa campaña o ascenso á Segunda División. A tempada na que máis encontros xogou co Deportivo foi a 1954–55, disputando 14 partidos tras unha lesión de menisco de Otero.[5] Esa tempada produciuse unha das súas actuacións máis brillantes, o 27 de marzo de 1955 en Riazor contra o Real Madrid CF, cando lle detivo un penalti a Alfredo Di Stéfano, rematando o partido con empate (3–3).[1]
Disputou co Deportivo un total de 47 partidos oficiais en 11 tempadas. Deixou o club en 1957, fichando polo Espinho portugués, que estaba adestrado polo vedrés Alfonso Pintos, e onde coincidiu con outros futbolistas galegos como Seijas e Milucho.[6] Volveu á Coruña en 1959, e xogou unha tempada no Xuvenil antes de retirarse en 1960.
Despois de deixar o fútbol traballou en Emesa.[1] Faleceu na Coruña o 10 de maio de 2012, aos 84 anos.[7]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas