Pedro Manuel Bergés Naval, nado en Vigo o 6 de xuño de 1906 e finado en 1978, foi un futbolista galego. Internacional coa selección de Cuba, disputou con esta o Mundial de 1938 en Francia.
Traxectoria
Nado en Vigo emigrou a Cuba, onde desenvolveu a súa carreira futbolística.[1] Xogou varias tempadas no Real Iberia da Habana, compartindo equipo con numerosos futbolistas galegos como Maneiro, Begoña, Pepe Torres ou os irmáns Edelmiro e Gonzalo Lorenzo.[2] Alí conquistou a liga cubana en 1926, 1928 e 1929. En 1932 fichou polo Juventud Asturiana,[3] co que gañou un novo título en 1933.
En 1934 volveu ao Iberia, gañando ese mesmo ano un novo campionato.[4] Xogou no club "ibérico" ata 1940.[5]
Selección cubana
Foi internacional coa selección de Cuba e participou con esta no Mundial de 1938 en Francia, a primeira e única participación cubana nunha Copa do Mundo. O equipo, adestrado polo galego José Tapia e capitaneado polo tamén galego Manuel Chorens, enfrontouse a Romanía nos oitavos de final, empatando 2-2 e xogando logo un partido de desempate no que os cubanos conseguiron eliminar ao equipo europeo (2-1). En cuartos de final caeron fronte a Suecia por unha goleada de 8-0.[6] Bergés xogou os tres partidos de Cuba naquel Mundial.[7]
Palmarés
Real Iberia
Juventud Asturiana
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas