A mangosta raiada (Mungos mungo) é unha especie de mangosta que habita xeralmente nas rexións centrais e orientais de África. Vive na sabana, en bosques abertos e pradarías, e aliméntase principalmente de escaravellos e diplópodos. As mangostas raiadas empregan diferentes tipos de goridas para refuxiarse, incluíndo os montículos das térmites. Mentres que a maioría das especies de mangostas teñen vidas solitarias, as mangostas raiadas viven en colonias cunha complexa estrutura social.