A S.A.D. Hielo Majadahonda é un equipo de hóckey sobre xeo da cidade de Majadahonda, Madrid (España). Fundouse en 1992 e actualmente compite na Superliga Española de Hóckey Xeo, competición da que se proclamou campión en 1998. Ten a súa sede no Pazo do Xeo no polígono El Carralero da localidade madrileña. As súas cores son o vermello e o negro.
Historia
A S.A.D. Hielo Majadahonda foi fundada en 1992 como Majadahonda Hockey Club tomando o relevo do CH Boadilla e do CH Madrid. Na tempada 1996-97 xogou por primeira vez na Superliga, a máxima categoría do hóckey sobre xeo no estado español. Un ano máis tarde conseguía o seu maior éxito ao proclamarse campión. No 2002 o CH Madrid retomou a súa actividade, polo que o Majadahonda non presentou equipo na categoría sénior. Dende o 2004 o Majadahonda HC continúa competindo na máxima categoría do hóckey sobre xeo español, chegando na tempada 2008-09 a superar os cuartos de final no play-off polo título ao Txuri-Urdin donostiarra en tres partidos, gañando o primeiro por 3-2, perdendo o segundo por 5-6 e gañando o definitivo por 4-1, e a xogar por primeira vez en nove anos as semifinais do play-off polo título, onde caeu en dous encontros (6-1 e 8-2) contra o campión da liga regular, o FC Barcelona que finalmente se proclamaría campión de liga contra o CG Puigcerdà.
Actividade do club
O club destaca polas actividades de promoción e en competición de hóckey sobre xeo. O Majadahonda aporta regularmente xogadores ás distintas categorías da selección de España. Destacan tamén as actividades para veteranos, afeccionados e iniciación ao hóckey sobre xeo.
Palmarés