Luis Ángel Lago Lage, nado en Rábade o 2 de outubro de 1957, é un político galego. É un dos máximos representantes do PSdeG na provincia de Lugo.
Traxectoria
Licenciado en Xeografía e Historia, é profesor de Educación Secundaria.
A súa carreira política comezou no concello de Cervo, onde estaba a traballar. En 1987 presentouse ás eleccións na candidatura do PSOE pero non logrou entrar na corporación ata 1990, pola baixa dun compañeiro. Foi reelixido en 1991 e 1995. Neste último ano tamén conseguiu un escano na Deputación Provincial de Lugo, onde foi voceiro do grupo socialista ata 1999.
Nas eleccións xerais do 2000 obtivo un escano no Senado, sendo reelixido en 2004 e 2008. Nas tres ocasións foi o único representante socialista da provincia de Lugo na Cámara Alta. Dentro do partido, no ano 1998 entrou a formar parte da comisión executiva nacional galega do PSdeG-PSOE. En 2004 foi nomeado secretario provincial do PSOE en Lugo, cargo que deixou cando son elixidos os primeiros presidentes provinciais do PSOE en Galicia, en outubro de 2009.
Da súa etapa municipal destacou a súa ascensión, ata se converter nun dos homes fortes do alcalde de Cervo, o socialista Roberto Álvarez Fernández. Tamén son salientables os seus catro anos na Deputación de Lugo, onde mantivo fortes enfrontamentos co presidente, Francisco Cacharro Pardo, do PPdeG[Cómpre referencia]. Nesta etapa arrincaron as primeiras denuncias da oposición contra o goberno do Partido Popular por diferentes irregularidades[Cómpre referencia].
Da súa etapa nas Cortes Xerais, destaca que ocupou a presidencia da comisión de Interior do Senado na novena lexislatura (2008-...), etapa na que tamén foi voceiro da comisión de suplicatorios.
Está casado e ten dous fillos. Un deles é o actor Daniel Lago Barreiro.
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas