Luis Argudín Bolívar, nado na Coruña en 1855 e finado na mesma cidade o 28 de decembro de 1907, foi un político galego, alcalde da Coruña.
Traxectoria
Foi alcalde da Coruña en tres etapas diferentes: do 1 de xullo de 1895 ao 1 de xullo de 1897, do 9 de abril de 1900 ao 9 de xaneiro de 1901 e do 31 de decembro de 1902 ao 13 de decembro de 1903. Como rexedor participou en obras de modernización da cidade, como a traída de augas, a nova rede de sumidoiros, a construción do Pazo Municipal e o Lazareto de Oza. Preocupado polo desenvolvemento e a aparencia da cidade chegou a pagar do seu peto a Fonte Luísa, situada na praza da rúa que leva o seu nome, e chamada así na súa honra. Colaborou coa Cámara de Comercio, Obras del Puerto, e foi presidente do Sporting Club Casino e da Reunión Recreativa de Artesanos.
O 17 de febreiro de 1903, o xornalista Alfredo Tella na súa crónica de El Noroeste fixo un comentario sarcástico sobre os mozos que se vestían de "madamas" no Entroido, solicitando que o alcalde tomase medidas para evitar equívocos aos curtos de vista. Ao día seguinte, Argudín Bolívar publicou o bando de entroido, cun artigo no que prohibía que os homes se disfrazasen de muller. La Voz de Galicia ironizou con que a medida prexudicara aos homes, e non ao revés. Ao ano seguinte, o sucesor no cargo de Luis Argudín Bolívar, Francisco Mariño, prohibiu tamén que as mulleres se disfrazasen de home.[1]