Lucien Muller-Schmidt, nado en Bischwiller, Baixo Rin, o 3 de setembro de 1934, é un exfutbolista e exadestrador francés. Xogaba como centrocampista e foi internacional coa selección francesa, formando parte do equipo francés no Mundial de 1966.
Traxectoria
Como futbolista
Comezou a xogar ao fútbol na súa Alsacia natal, e logo destacou no Stade de Reims, co que se coroou dúas veces campión de Francia. En 1962 fichou polo Real Madrid,[1] co que gañou tres ligas e xogou a final da Copa de Europa de 1964, perdendo contra o Inter de Milán de Helenio Herrera.[2] En 1965 pasou ao FC Barcelona, onde a pesar de ser anunciado como o sucesor de Raymond Kopa, as súas actuacións non foron as esperadas. Pechou a súa carreira cunha segunda etapa no Reims.
Selección francesa
Internacional coa selección francesa en 16 ocasións, disputou a Eurocopa de 1960 e foi parte do conxunto francés que participou no Mundial de 1966, aínda que non chegou a debutar no torneo.
Como adestrador
Trala súa retirada foi adestrador durante dúas décadas, case sempre en equipos españois. Dirixiu o Castellón, o Burgos, o Zaragoza e o Mallorca, e na tempada 1978/79 o FC Barcelona, co que chegou á final da Recopa de Europa, aínda que foi substituído por Joaquim Rifé antes do encontro final.
Fóra de España adestrou o AS Monaco durante tres anos.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas