Luciano Seoane Seoane, nado en Ferrol en 1876 e finado na Coruña o 8 de xullo de 1955[1], foi un mestre, pedagogo e escritor galego.
Traxectoria
Estudou maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela. Aprobou as oposicións para mestre nacional e comezou a exercer o maxisterio na escola da Graña, para pasar ao pouco tempo a unha das escolas públicas de Ferrol. Fixo o curso de estudos de ampliación na Escola Superior do Maxisterio de Madrid e aprobou as oposicións de inspector de educación primaria. En 1921 gozou dunha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios para unha viaxe en grupo con inspectores españois para visitar establecementos docentes de Francia e Bélxica. Foi impulsor das colonias escolares ferroláns desde 1924, impulsando a constitución do Patronato de Colonias Escolares de Ferrol. Coa sublevación do 18 de xullo de 1936 foi expedientado e destituído, tivo que dedicarse á actividade docente na Academia Galicia da Coruña.
Pronunciou conferencias no Ateneo Ferrolano, Centro Obreiro de Cultura, Cámara de Comercio e Navegación, Sociedade de Agricultores de Fene e Círculo Socialista de Esteiro. Tamén participou nos Congresos Pedagóxicos de Santiago (1906), a Coruña (1919) e Lugo (1923).
Publicou ensaios e traballos curtos sobre escolas rurais, colonias escolares, papel da escola en relación coa loita contra a tuberculose e o alcoholismo, e estudo das achegas pedagóxicas de Concepción Arenal. Colaborou en Revista Gallega.
Obras
La escuela rural: su fin, contenido, alcance y relaciones con la población agrícola, 1905.[2]
Proyecto razonado de ingresos y gastos para la organización de una colonia escolar en el distrito del El Ferrol, 1917.