Luciana Paula Aymar, nada en Rosario o 10 de agosto de 1977 é unha ex xogadora arxentina de hóckey sobre herba.[1]
É a única xogadora da historia que recibiu oito veces o premio da FIH á mellor xogadora do ano,[2] e está considerada a mellor xogadora de hóckey de todos os tempos.[3][4][5]
Aymar é coñecida pola súa capacidade de superar as rivais empregando mediante cambios e releos. Por este motivo recibiu os alcumes de "La Maga" ("A maga") e "A Maradona do hóckey sobre herba". Foi a abandeirada da Arxentina nos Xogos Olímpicos de 2012, sendo a segunda xogadora deste deporte que o fai, despois de Marcelo Garraffo.
Traxectoria
Aymar comezou a xogar aos sete anos no Club Atlético Fisherton de Rosario. Seis anos despois cambiouse ao Jockey Club de Rosario. Gradualmente comezou a adestrar coa selección nacional júnior, para o que viaxaba todos os días a Buenos Aires. Na súa carreira internacional xogou no Rot Weiss Köln de Alemaña e no Real Club de Polo de España. No seu país, xogou no Quilmes Atlético Club e no GEBA, co que gañou a Liga Nacional e o Torneo Metropolitano. En 1997 formou parte da selección júnior da Arxentina que gañou o campionato júnior dos Xogos Panamericanos e a medalla de bronce na Copa do Mundo de Hóckey júnior. O ano seguinte debutou coa selección absoluta, acabando cuartas na Copa do Mundo.
Aymar pertence á xeración de xogadoras arxentinas que gañou varios torneos internacionais a partir dos Xogos Panamericanos de 1999, incluíndo catro medallas olímpicas e seis Trofeos de Campioas. Foi membro dos equipos que gañaron as Copas do Mundo de 2002 e 2010, a última delas na súa cidade natal de Rosario.
En 2008 foi declarada "Lenda do Hóckey" pola International Hockey Federation.
Xogou o seu último partido internacional coa Arxentina o 7 de decembro de 2014 en Mendoza, onde gañou o seu sexto Trofeo de Campioas.
Clubs
Notas
Véxase tamén