Lorenzo Novás Rarís, nado en 1880 e finado en Pontevedra en agosto de 1946,[1] foi un fotógrafo galego.
Traxectoria
En 1894, con 14 anos, entrou como aprendiz no estudio de Francisco Zagala. En 1897 cando Zagala solicitou un fotógrafo profesional para o seu estudio, Lorenzo Novás foi o elixido para o posto, que desempeñou de forma autónoma. Colaborou con Zagala facendo as fotografías que este lle encargou, principalmente as de exteriores, ó tempo que tamén traballou con outros fotógrafos da época, como Cobián, e montou un estudio fotográfico na veciña vila de Marín. Despois do agravamento da enfermidade crónica de Zagala que no ano 1900 case lle ocasionou a morte, encargouse de facer case todas as fotografías de campo para o seu estudio.
Logo da morte de Zagala en 1908,[2] foi o fotógrafo oficial da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e ademais fíxose cargo do estudio Zagala Fot. ata a súa venda en 1911; nesta época asinou algunhas imaxes como "Sucesor de Zagala". Cara ós anos 1911-12 formou unha sociedade co tamén fotógrafo Cobián, "Cobián y Novás". En 1917 constituíu a Sociedade Sáez Mon y Novás, cuxo estudio se inaugurou o 14 de febreiro, manténdose a sociedade ata 1934.
En 1945, facilitou ó Museo de Pontevedra, do que era fotógrafo desde 1924, 1 230 clixés. Colaborou como fotógrafo en revistas como Vida Gallega, Almanaque Gallego, La Temporada en Mondariz e Estampa e periódicos como Faro de Vigo, Diario de Pontevedra, Galicia. Diario de Vigo, El Pueblo Gallego e Relicario Monumental de Galicia de Jose Cao Moure e da editorial P.P.K.O. de Vigo. Moitas fotos da cidade de Pontevedra de comezos do século XX débense á súa autoría, así como as imaxes de varios lugares e monumentos da provincia.
Premios
Obtivo varios premios fotográficos:
- Medalla de Prata na Exposición Rexional de Lugo de 1915.
- Premio especial do Concurso Nacional de Fotografía de Tarrasa en 1917 coa foto "Saudade"
- 1ª medalla en Londres coa fotografía Un Golfo en 1923.
- 1º premio na exposición Pontevedra en 1925.
Vida persoal
Era tío de Manuel Cuña Novás e curmán de Juan Novás, un dos fundadores do Museo de Pontevedra.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Díaz Martínez, Carlos; Freixanes, Víctor F.; Fortes Bouzán, Xosé (2001). A memoria de Pontevedra. Vigo: Xerais. ISBN 84-8302-721-6.
Outros artigos
Ligazóns externas