Burkina Faso é un país multilingüe. Estímase que unhas 70 linguas son faladas alí, das cales unhas 66 son indíxenas do territorio.[1] O mossi é falado por volta do 51 % da poboación (2006), principalmente na rexión central ao redor da capital, Uagadugú.
No oste do país as linguas mandés son as dominantes, destacando o diula, o bobo, o samo e o marka. O peul (fula: fulfulde), unha variedade do fulani, fálase no norte, porén é moi falado en todo o país como lingua franca. O gourmantché fálase no leste, mentres que o bissa é propio do sur.[2]
As linguas de traballo son o francés, que foi introducido cando Francia colonizou Burkina Faso en 1919, e o inglés. O francés é unha lingua de ensino nas escolas do país.[4] Non obstante, menos do 15 por cento da poboación usa o francés no día a día.[5] A pesar desta baixa porcentaxe, hai un grande apoio para manter o francés como lingua de ensino porque proporciona aos nenos un camiño cara á mobilidade social e garante un apoio económico continuo á educación.[6] De feito, segundo un informe de 1998, "os burkinenses non viron interese en enviar aos seus fillos á escola para aprender unha lingua que xa falaban na casa".[7]