A lei foi aprobada polo Congreso da Arxentina. Na imaxe, réplica do Pensador de Rodin diante do Palacio Lexislativo en Buenos Aires .
A Lei de Obediencia Debida Nº 23.521 foi unha disposición legal ditada na Arxentina o 4 de xuño de 1987 , durante o goberno de Raúl Alfonsín , que estableceu unha presunción de iure (ou sexa, que non admite proba en contrario) que os feitos cometidos polos membros das forzas armadas , durante a guerra sucia e o Proceso de Reorganización Nacional , non eran puníbeis por haber actuado en virtude de obediencia debida .
Esta norma dictouse para intentar conter o descontento da oficialidade do Exército Arxentino , eximindo aos militares por debaixo do grao de coronel , da responsabilidade nos delitos cometidos baixo mandato castrense . Dese modo, tivo lugar o desprocesamento da maioría dos implicados no terrorismo de Estado .
Algúns dos beneficiados pola norma foron o ex capitán de fragata Alfredo Ignacio Astiz e o xeneral (R) Antonio Domingo Bussi , contra os cales existían numerosas probas da comisión de delitos de lesa humanidade .
Xunto coa complementaria Lei de Punto Final , a Lei de Obediencia Debida foi derogada en agosto do 2003 ; aínda que a derogación non tivo efectos retroactivos.
Situación actual
En xuño de 2004 , un fallo da xuíza cordobesa Cristina Garzón de Lascano declarou ambas normas insanabelmente nulas, dando así lugar ao encausamento dos acusados de delitos aínda non prescritos, o que comprende todos os crimes de lesa humanidade . O ex xeneral Luciano Benjamín Menéndez , que se supón o principal responsábel da represión na provincia, atópase detido polos cargos de secuestro , tortura , homicidio e desaparición de varias persoas.
En base a isto, a Comisión de Xustiza da Cámara de Deputados examina a posibilidade de declarar tamén nulos os indultos polos que o expresidente Carlos Saúl Menem deixou en liberdade a varios dos máximos responsábeis das violacións aos dereitos humanos durante o Proceso .
Véxase tamén
Outros artigos