Estaba formada por un único lugar homónimo, que era considerado ―canda Cambedo e Souteliño― unha das tres aldeas promiscuas, por estar situado na propia fronteira, entre Galiza e Portugal, pertencendo a parte portuguesa á freguesía tamén homónima. Foi anexada a Portugal en 1868 coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa de 1864 e absorbida pola freguesía homónima portuguesa.
Lamadarcos era a única parroquia constituída en Galiza a partir dunha das aldeas promiscuas. En Portugal, ademais da outra Lamadarcos, formaba freguesía de seu Souteliño da Raia, mentres Cambedo só era un lugar ós dous lados da fronteira.
A parroquia de Lamadarcos, co seu lugar do mesmo nome, era unha poboación dividida en dúas partes pola fronteira galego-portuguesa. Mais non só era dividido o lugar en si, senón que a liña fronteiriza atravesaba as propias casas, pertencendo cada parte a un país. Ademais, as dúas partes adoitaban ter cadansúa porta. Isto podía favorecer o contrabando e a burla das autoridades.[3][4] A primeira referencia coñecida desta situación áchase nun documento de 1526, aínda que se ignora a súa orixe.[5]
En 1864, España e Portugal, após anos de negociacións, asinaron o Tratado de Límites de Lisboa, polo cal Lamadarcos, xuntamente con Cambedo e Souteliño, sería anexado a Portugal. En troques das denominadas aldeas promiscuas, o Couto Mixto, un microestado independente entre Galiza e Portugal,[6] sería incorporado a España, e polo tanto, a Galiza. Este tratado xustificado para dificultar o contrabando tiña como albo a «anomalía» do Couto Mixto, un territorio soberano desligado da autoridade de ámbolos estados e cuxa desaparición era de interese común para eles.[4] Ademais, as desprezábeis hectáreas de boa calidade atribuídas ó lugar de Lamadarcos (7 de 805), tamén a Cambedo e Souteliño, puido ser unha maneira de xustificar en España a perda das aldeas promiscuas.[7]
Deste xeito, o 28 de xuño de 1868 realizouse en Lamadarcos o acto oficial de entrega a Portugal. Igualmente se fixo en Cambedo e, xa o día anterior, en Souteliño. Algunhas autoridades aínda se mantiveron algún tempo, polo que tras dunha queixa do goberno portugués, o 9 de abril do ano seguinte, o Gobernador de Ourense tivo que ordenar ás «autoridades españolas» que ficaban alí que abandonasen os lugares.[8]
Por outra banda, a parroquia eclesiástica pertencía á Dignidade de Baroncelle da diocese de Ourense.[9] A mudanza dos límites administrativos en 1868 non modificou os eclesiásticos, polo que seguiu a pertencer ó bispado ourensán até 1882. Ese ano, co obxectivo de facer coincidir os límites civís cos relixiosos, executouse unha bula do ano anterior pola cal foi incorporada á arquidiocese de Braga.[10] En 1922, Lamadarcos pasou a formar parte da nova diocese de Vila Real, igual cás demais freguesías do distrito homónimo.[11]
Demografía
No reconto de 1571, levado a cabo para o repartimento pola Coroa de Castela dos mouriscos expulsados de Granada, consta que tiña 26 veciños.[12] No Censo dos Bispos de 1587, a parroquia figura con 30 veciños,[13] mentres no Censo do Sal de 1631 aparece con 8.[14]
↑Fulgosio, Fernando (1868). Crónica de la provincia de Orense(en castelán). Madrid. p. 9. O estado dos pobos promíscuos non era menos singular: postos cabalmente na raia de ámbalas nacións, parte dunha casa adoitaba pertencer a España e outra a Portugal. Dese xeito, o veciño perseguido polas autoridades españolas, por exemplo, sen saír da súa morada e con só se presentar na porta, que todas ou case tódalas casas tiñan polas costas, achábase en Portugal e a salvo de todo castigo. Grandes folgos ó crime e á impunidade!
↑Salinas Valencia, Máximo (2002). O Couto Mixto: o seu contorno arraiano e os Pobos Promiscuos. Descrición socioeconómica. Asociación de Amigos do Couto Mixto. p. 21. ISBN84-7680-388-5.
Hernández Figueiredo, José Ramón (2005). "Tentativa por conformar las divisiones, eclesiástica y pública, de los reinos de España y Portugal. El caso de las parroquias de San Pedro de Tourém y Santa María de Lama de Arcos". Memoria Ecclesiae(en castelán) (Oviedo: Asociación de Archiveros de la Iglesia en España) (27): 449–462.