A aldeíña de Kirkjubæjarklaustur (léanse os j coma /i/, æ coma un e aberto, au coma ditongo e tónicas a primeira, terceira e quinta sílabas, coma palabra paroxítona) ten 160 habitantes e sitúase ó sur de Islandia, á beira da estrada entre Vík í Mýrdal e Höfn. No seu nome pódense distinguir tres palabras: kirkju, que significa "igrexa", bæjar, e klaustur, que significa "claustro". A súa súa singular posición é o que a fai coñecida en comparación con outras viliñas do seu tamaño: a pequena aldea é o único punto entre esas dúas cidades que ofrece algún tipo de servizo, entre eles unha gasolineira, un banco, unha oficina de correos e un supermercado. Ademais, moitos habitantes da capital Rejkyavik posúen leiras na súa contorna, a onde van en vacacións. As atraccións turísticas máis achegadas son Eldgjá, os cráteres de Laki, o Parque Nacional Skaftafell onde ír facer camiñadas ou o lago glacial de Jökulsárlón.
Unha atracción moi próxima á vila é o Kirkjugólf (o solo da igrexa), un camiño natural de columnas: hai columnas de basalto soterradas, de xeito que só se poden ver as cabezas e, como indica o seu nome, teñen a aparencia do solo enlousado dunha igrexa. Esta formación de lava tén unha orixe semellante á do Giant's Causeway do Ulster. Todas estas singularidades contribúen para que Kirkjubæjarklaustur sexa unha parada común para os turistas.
Segundo o censo de 2023, contaba a 1 de xaneiro con 210 habitantes.[1]
Historia
Pénsase que xa vivían aquí monxes irlandeses antes de chegaren os primeiros asentamentos a Islandia. Dende 1186, un renomeado convento beneditino de monxas localizouse en Kirkjubæjarklaustur, ata a Reforma protestante de 1550. Os nomes da fervenzaSystrafoss (fervenza das irmás) e do lago Systravatn na montaña refírense a este mosteiro. Systrastapi (a rocha das irmás) é o lugar onde dúas monxas foron queimadas por herexía. A tradición popular ilustra o acontecemento con historias sobre a irmá boa e a pecadora, así coma cun tesouro no fondo do lago.
A vila fíxose coñecida polas erupcións do volcán Lakagígar en 1738. O pastor protestante do templo local, Jón Steingrímsson, predicara co que se deu en chamar o "Sermón do lume". A lenda conta que o sermón parou o río de lava e que a vila se salvara no último momento. A igrexa actual, construída en 1974, fíxose en lembranza do Reverendo Jón Seingrímsson.