Keith Newton , nado o 10 de abril de 1952 en Liverpool , Inglaterra , é un prelado da Igrexa Católica nomeado o 15 de xaneiro de 2011 primeiro ordinario do ordinariato persoal da Nosa Señora de Walsingham .[ 1] Antes da súa entrada na Igrexa Católica, exerceu de sacerdote e bispo na Igrexa de Inglaterra .
Ministerio anglicano
Newton estudou no King's College de Londres e obtivo posteriormente un posgraduado en educación no Christ Church College de Canterbury , antes de completar os seus estudos teolóxicos como aspirante á ordenación no St Augustine's College de Canterbury .[ 2] [ 3]
Newton ocupou os seguintes cargos na Igrexa de Inglaterra :
1975 - 1978, cura de Great Ilford St Mary, Chelmsford.
1978 - 1985, vigairo en St Matthew’s Wimbledon no Wimbledon Team Ministry, Southwark
1985 - 1991, reitor de Blantyre, Malawi e deán da Catedral de Blantyre
1991 - 1993, sacerdote encargado de Holy Nativity Knowle, Bristol
1993 - 2001, vigairo de Holy Nativity Knowle, Bristol
1997 - 2001, sacerdote encargado de All Hallows, Easton
O 7 de marzo de 2002 , Newton foi ordenado como bispo anglicano por George Carey , entón Arcebispo de Canterbury . Newton foi nomeado Bispo de Richborough e visitador episcopal provincial para a Provincia de Canterbury en 2002.[ 4] Mantivo este cargo até o 31 de decembro de 2010 .
Ministerio católico
Keith Newton e a súa muller, Gill, logo da ordenación de Newton como diácono católico.
En 2008 Newton reuniuse con membros da Congregación para a Doutrina da Fe para falar da posibilidade de unirse á Igrexa Católica .[ 5]
O 8 de novembro de 2010 , Newton anunciou a súa intención de abandonar a Igrexa de Inglaterra a finais de ano para unirse ao ordinariato persoal proposto pola Igrexa Católica para acoller a antigos anglicanos que desearan manter algunhas das súas prácticas e tradicións.[ 6] [ 7]
Newton foi recibido na Igrexa Católica xunto coa súa muller Gill nunha cerimonia na Catedral de Westminster o 1 de xaneiro de 2011 , polo bispo Alan Hopes . Na cerimonia tamén foron recibidos Andrew Burnham (antigo bispo de Ebbsfleet ), John Broadhurst (antigo bispo de Fulham ) e a súa muller Judith e tres antigas relixiosas da Sociedade de Santa Margarida.[ 8]
O 13 de xaneiro de 2011 foi ordenado como diácono con outros dous antigos bispos anglicanos, Andrew Burnham e John Broadhurst ,[ 9] xa que a Igrexa Católica non recoñece a validez das ordenacións anglicanas dende a publicación da bula Apostolicae Curae de León XIII . Dous días despois, o 15 de xaneiro de 2011 , foron ordenados sacerdotes por Vincent Nichols , Arcebispo de Westminster , na catedral da arquidiocese . Nesa data o papa Bieito XVI nomeouno como primeiro ordinario do ordinariato persoal da Nosa Señora de Walsingham para Inglaterra e Gales.[ 10] Ao estar casado, non pode ser ordenado bispo.[ 11]
Notas