Os KH-3 foron a terceira versión dos satélites Corona dos Estados Unidos para poñer en marcha unha serie de satélites de recoñecemento óptico. A carga útil de cada KH-3 consistía nunha cámara Corona panorámica mellorada e unha cápsula de retorno para enviar a terra a película fotográfica usada pola cámara. A cámara tiña unha apertura de f/3.5 e unha lonxitude focal de 61 cm, cunha resolución de 7,5 m.[1][2]
Os satélites estaban baseados na etapa superior do foguete Agena B, que proporcionaba control de actitude unha vez en órbita. A cápsula de retorno da película tiña o seu propio retrofoguete de propelente sólido para regresar á Terra. A cápsula era recollida mentres estaba aínda no aire mediante un avión especialmente equipado.[1][2]
Lanzáronse seis KH-3 entre 1961 e 1962, todos mediante foguetes Thor Agena B. O último, que ademais estaba modificado cunha estrutura na parte frontal como prototipo dos KH-4, non chegou a órbita.[1][2]