Julián de la Rosa Zamorano, coñecido como Radista, nado en Madrid o 27 de maio de 1917 e finado na mesma cidade en 1983, foi un militar e guerrilleiro antifranquista español.
Traxectoria
Traballou como ebanista e despois como mozo de imprenta. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 afiliouse á JSU. Foi membro da checa dedicada á protección do ministro Ángel Galarza. En 1937 foi destinado á comisaría de policía do Congreso. En xuño examinouse na base aérea de La Rivera (Murcia). Inscribiuse no terceiro grupo de cadetes para recibir adestramento na escola de voo especial en Kirovabad na URSS; convalecente por accidente, rematou o curso de piloto coa cuarta. Foi enviado traballar como carpinteiro á fábrica de de maquinaria agrícola de Rostov, onde coincidiu con Manuel Fernández Soto. Despois pasou a Crimea, onde fixo prácticas de radio, e a Checoslovaquia, antes de ir a Francia en 1948.
En xaneiro de 1949 José Sevil ordenoulle volver a España. Chegou a Galicia na primavera de 1949 con documentación falsa a nome da José Ruano Senra. Reuniuse en Ourense con Manuel Fernández Soto quen lle deu uns informes para que os trasladara a Francia. En xullo José Sevil trasladouno a unha granxa preto de Tolosa para facer prácticas de radio. Volveu a Coruña cun aparello transmisor de radio e entrevistouse co dirixente do PCE Pepe. Trasladouse a Pontevedra á casa de Felipe Lago Castro. En outubro partiu a Ferrol para poñerse ás ordes de Francisco Rey Balbís. Acompañado de Adolfo Allegue Allegue e José Chao Rouco chegou a Chavarís onde estaba o refuxio da partida. Desde alí enviou mensaxes de radio ao Comité Central do PCE en Francia. O 18 de xullo de 1951 salvou a vida ao escapar do cerco de Meá con Josefa Gallego Abeledo e José Freire Barcia. Tras a caída de Santa María de Neda o 31 de agosto de 1951 onde morreron José Freire Barcia, Antonio Veiga Mejuto, José Antonio Castro López e José Sancho Riera, Rey Balbís ordenoulle o 16 de outubro que marchara a Francia para informar da situación. Partiu a Maniños, tomou unha lancha ata Ferrol, e de alí a Coruña onde embarcou no buque Romeo con destino a Pasaia. Foi detido o 19 de outubro no tren que facía o traxecto Vera de Bidasoa-Elizondo. Once días despois foi entregado á Brigada Político-Social en Madrid e logo enviárono a Coruña. Encartado na causa 59/1952, foi xulgado en consello de guerra na Coruña o 22 de xaneiro de 1953 por formar partidas armadas. Condenado a 30 anos de prisión, cumpriu condena na prisión de Burgos, de onde saíu en libredade provisional o 28 de xaneiro de 1962.
Véxase tamén
Bibliografía