Julia Alcayde Montoya, nada en Xixón o 22 de maio de 1855 e finada en Madrid en 1939, foi unha pintora española, considerada como unha das mellores pintoras españolas de finais do século XIX e comezos do século XX, que destacou polos seus bodegóns, floreiros e escenas de caza, onde brillou a unha extraordinaria altura, aínda que tamén traballou a paisaxe e o retrato.[1][2][3][4] É unha das primeiras artistas asturianas de relevo e unha das máximas representantes do bodegón burgués.
Traxectoria
Nace en Xixón, pero sendo aínda nena é trasladada a vivir a Madrid, aínda que non perderá o contacto coa súa terra natal, regresando a Asturias sempre que lle foi posible. A súa formación artística comeza na capital, na Escola de Artes e Oficios de Madrid que dirixe o profesor Manuel Ramírez. Axiña destaca pola súa capacidade para plasmar emocións con lapis e pincel a través de diferentes técnicas como o óleo, a acuarela ou o pastel.[1][2] Ó mesmo tempo que desenvolve a súa actividade artística mantén unha intensa relación con destacadas figuras da política e a cultura daquel momento histórico, entre os que destacan os escritores Benito Pérez Galdós ou Emilia Pardo Bazán.
A súa obra foi seleccionada para ser exposta en diversas Exposicións Nacionais de Belas Artes[2] chegando algunhas delas a ser galardoadas co terceiro premio en forma de medalla nas edicións de 1892 e 1895, segundo premio en dúas ocasións; en 1899 pola obra El puesto de mi calle (actualmente no Museo Casa Natal de Jovellanos, Xixón) e en 1912 polo lenzo titulado Frutas.[5] Tamén participou nas Exposicións Internacionais de Chicago de 1893, Bruxelas de 1910, Buenos Aires e Roma de 1911 e Múnic de 1913. En Asturias, gañou o primeiro premio do concurso de pintura organizado polo xornal El Noroeste, de Xixón. En 1903, obtivo unha primeira medalla na exposición celebrada no Círculo de Belas Artes de Madrid, e concorreu, igualmente, ós salóns de outono de Madrid.
A gran cantidade de galardóns que acumulou ó longo da súa traxectoria convértena aínda hoxe na artista asturiana que máis medallas obtivo nas Exposicións Nacionais de Belas Artes.
A súa derradeira exposición ten lugar en 1935, e despois retírase da vida artística e social, cumpre os oitenta anos e comeza a debilitarse o seu estado de saúde, padecendo achaques que a obrigan a permanecer en casa.
Notas