Juan Manuel López Mella, nado en Lugo o 12 de abril de 1965 e finado en Calafat o 10 de maio de 1995, foi un piloto galego de motociclismo.
Foi o primeiro piloto galego en correr no Campionato do Mundo de Motociclismo e o único en facelo na categoría raíña, onde competiu durante varias tempadas, e o primeiro español en subir ao podio no Campionato do mundo de Superbikes. Faleceu prematuramente nun accidente de tráfico aos 30 anos de idade, cando se dirixía a uns adestramentos no Circuito de Calafat.
Traxectoria
Comezou practicando motocrós en Rubiás, preto da súa cidade natal, nun circuíto de monte comunal no que estaba permitido rodar pero que non contaba con ningún tipo de mantemento.
Aos 18 anos pasou ao motociclismo de velocidade debutando a nivel nacional en 1985 cunha OSSA F3 250 en probas como o Criterium Solo Moto, onde obtivo o segundo posto,[1] e na Motociclismo Series Fórmula 3.[2] O 26 de abril de 1987 converteuse no primeiro galego en correr no Campionato do Mundo de Motociclismo, ao disputar o Gran Premio de España en Xerez cunha Yamaha na categoría de 250 cc, aínda que non conseguiu acabar a carreira.[3] En setembro correu tamén o Gran Premio de Portugal no Jarama co mesmo resultado.[4] Ao ano seguinte participou noutras dúas probas do campionato de 250 cc, desta volta con Honda, substituíndo ao lesionado Carlos Cardús nos grandes premios de Italia e Alemaña, rematando 22º neste último.[5] Disputou tamén con Honda unha proba do Campionato Europeo de Motociclismo, na categoría de 500 cc, rematando en 9ª posición,[6] e foi subcampión de España de 250 cc co equipo de Ángel Nieto.
En 1989 converteuse no primeiro e único galego en correr na categoría raíña do Campionato do Mundo, disputando 10 grandes premios cunha Honda de 500cc. Tivo como patrocinadores á Xunta de Galicia e Galicia Calidade. Debutou no Gran Premio de España en Xerez, onde rematou en 14ª posición, e acabou a tempada 1989 con 4 puntos.[7] Correu paralelamente o Campionato Europeo de 500cc, onde logrou subir ao podio en segunda posición no Jarama, rematando o campionato en oitava posición.[8]
En 1990 Disputou seis probas do Campionato do mundo de Superbikes cunha Honda RC-30 co patrocinio de Nivea, quedando en posicións de puntos en tres delas e rematando o campionato no posto 38º. En 1991 disputou de novo o Campionato do Mundo de Superbikes e na segunda proba, no Jarama, logrou a terceira posición na primeira manga e a cuarta na segunda, o que lle deu o segundo posto no Gran Premio, converténdose no primeiro piloto español en subir ao podio.[9][10] Rematou 16º no mundial, con 57 puntos.[11] Ese ano foi ademais campión de España de Superbikes, título que revalidou ao ano seguinte,[12] no que regresou ao Campionato do Mundo de 500 cc cunha ROC Yamaha 500, participando en 5 GP e tendo como mellor resultado un 12º posto no Gran Premio de Alemaña.[13]
En 1993 contaba con poucos recursos para disputar o Mundial de 500 cc, polo que os seus propios afeccionados financiaron parte do seu presuposto da tempada.[14] Deste xeito puido correr coa Yamaha todas as carreiras do mundial, tendo como mellores resultados os sétimos postos nos Grandes Premios de Europa e Gran Bretaña, e finalizando a temporada con 46 puntos no posto 12º (mellor piloto privado).[15] Ao ano seguinte participou en 11 probas, rematando de 16º con 26 puntos. No último GP, o GP de Europa disputado en Montmeló correu cunha Suzuki oficial e clasificouse no posto 13º.
En 1995 comezou a tempada do Campionato Thunderbike, cun cuarto posto na carreira de Xerez.[16] A súa carreira viuse truncada o 10 de maio dese ano, ao falecer nun accidente de tráfico, cando se dirixía ao circuíto de Calafat para facer probas co Team Arbizu.[17]
Museo
Existe un museo sito en Lugo na Rúa Perpetuo Socorro nº 34, co nome de Museo López Mella onde se expoñen os trofeos que gañou ao longo da súa carreira deportiva, as motos coas que competiu e demais equipamento, destacando como peza principal unha motocicleta Honda RC-30 coa que conseguiu o Campionato de España de Superbikes en dúas ocasións.
Véxase tamén
Ligazóns externas
Notas