Juan Carlos Merlo Dopazo, nado en Buenos Aires o 18 de xullo de 1948, é un exfutbolista e adestrador arxentino, de orixe galega, que xogaba como dianteiro.
Traxectoria
Naceu na capital da Arxentina en 1948, sendo fillo dunha viguesa e neto dun ourensán.[1] Comezou a súa carreira como futbolista no Deportivo Español da súa cidade natal, pasando despois ao Temperley. Con ese club disputou 47 encontros da Primera B (segunda división arxentina), marcando 32 goles.[2]
Os seus bos números en Temperley atraeron a atención do Independiente, que o fichou en 1973. Co club de Avellaneda xogou por primeira vez na Primeira División e o 26 de abril de 1973 debutou na Copa Libertadores, nunha vitoria por 2-0 sobre o Millonarios colombiano.[3] Aínda que contou con poucos minutos durante a tempada, acabou proclamándose campión da Libertadores da Copa Intercontinental e da Copa Interamericana. A continuación pasou por Banfield, antes de regresar en 1975 a Temperley, onde recuperou as súas boas cifras goleadoras, con 22 tantos en 72 encontros.[2]
En setembro de 1976 chegou a Galicia para asinar co Deportivo da Coruña, adestrado polo tamén arxentino Héctor Rial.[1] Debutou na segunda xornada da tempada 1976/77 da Segunda División, nun partido contra o Cádiz en Riazor, marcando o o primeiro dos dous goles do seu equipo (2-1).[4] Disputou un total de 19 partidos co equipo coruñés, anotando 4 goles. En setembro de 1977 chegou a un acordo co club para rescindir o seu contrato.[5]
De regreso na Arxentina, xogou no Racing Club e en 1978 pasou a Quilmes, co que gañou o campionato de Primeira División por primeira e única vez na historia do club dende a chegada do profesionalismo.[6] Rematou a súa carreira vestindo a camiseta do Almirante Brown de Isidro Casanova.[2]
Tras colgar as botas comezou a súa carreira como adestrador e en 1982 logrou con Temperley o ascenso á Primeira División. Posteriormente pasou polos bancos de Sarmiento de Junín, El Porvenir, Sportivo Italiano, Los Andes, Tigre, Temperley en dúas ocasións máis, San Martín de San Juan, Deportivo Riestra, Berazategui, Liniers, Nueva Chicago e Cañuelas. Máis tarde pasou a traballar como instrutor na Confederación Suramericana de Fútbol.[7]
Palmarés
Como futbolista
- Independiente
- Quilmes
Como adestrador
- Cañuelas
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas