Juan Bruno Zayas Alfonso, nado na Habana o 8 de xuño de 1867 e finado na mesma cidade o 30 de xullo de 1896, foi un médico e militar cubano.
Traxectoria
O seu pai, José María de Zayas y Jiménez, avogado, foi profesor, subdirector e mesmo director do prestixioso colexio El Salvador tras a morte de José de la Luz y Caballero. Desempeñou dito cargo até a súa clausura en 1869. A súa nai proviña das Illas Canarias.[1] Foi irmán de Alfredo Zayas y Alfonso e de Francisco de Zayas, embaixador de Cuba en París e Bruxelas.
Obtivo o título de Bacharel en 1886 e logrou matricularse na Facultade de Medicina e Cirurxía da Universidade da Habana no curso 1885-1886. Durante os seus estudos morreu o seu pai e viuse moi afectado emocionalmente. O seu tío Francisco Javier, médico e profesor universitario, foi practicamente o seu titor até rematar a carreira. Tras graduarse, decidiu exercer na zona rural da illa.
Ao iniciarse a Guerra de Independencia cubana, o 24 de febreiro de 1895, apoiouna como médico mozo. Con só 27 anos incorporouse ao Exército Mambí a prol da independencia.
Alzouse en armas o 25 de abril de 1895 á fronte dun grupo en Vega Alta (Las Villas), polo que recibiu o grao de Tenente Coronel.
Quedou á fronte do Rexemento de Infantaría Narciso cando se organizou. O 24 de xuño de 1895 pasou a dirixir o Rexemento de Cabalaría Villa Clara, o cal organizou.
O 18 de xullo dese ano púxose baixo as ordes do Maior Xeneral Manuel Suárez, logo de atacar catro días antes o forte provincial. Foi ascendido a Coronel o 15 de agosto e ese mesmo día uniuse ao Maior Xeneral Serafín Sánchez, Xefe da Primeira División do Cuarto Corpo. Participou en numerosos combates até que se incorporou ás forzas do Xeneralísimo Máximo Gómez, en Mal Tiempo.
O 22 de xaneiro de 1896 entrou en Mantua á fronte da vangarda da columna invasora. Foi un dos asinantes da Acta levantada alí o seguinte día. Deuse así por concluída a histórica invasión de Oriente a Occidente.[2]
Tamén combateu en Matanzas, A Habana e outras batallas, nalgunhas das cales ficou ferido de gravidade. En xuño de 1896 atopábase de novo operando na Habana. Disque o Maior Xeneral Antonio Maceo conferiulle o ascenso a Xeneral de Brigada ao chegar a invasión a Guane o 20 de xaneiro de 1896.
Porén, o certo é que Maceo lle entregou a proposición ao Xeneral en Xefe nun escrito datado en Nueva Paz o 21 de febreiro dese ano. Este fíxollo chegar ao Consello de Goberno o 8 de abril, que o aprobou o día seguinte. Zayas converteuse así no xeneral máis novo do Exército Libertador até ese momento.
Sorprendérono nunha emboscada inimiga debido a un delator do lugar onde acampaba. Caeu no seu posto de combate o 30 de xullo de 1896.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Fuentes Pelier, Damaris; Hodelín Tablada, Ricardo (2014). "Juan Bruno Zayas Alfonso: médico y general de brigada en la guerra necesaria". MEDISAN - Revista médica de Santiago de Cuba 18 (1): 132–141. ISSN 1029-3019. Consultado o 12 de novembro de 2022.