João Francisco Fonseca dos Santos, nado en Matosinhos o 19 de febreiro de 1948, é un exfutbolista portugués que xogaba de porteiro.
Traxectoria
Formouse como porteiro de fútbol na canteira do Leixões, debutando co primeiro equipo na Primeira Liga na tempada 1967/68. Na seguinte campaña estreouse en competición europea, nun partido da Copa de Feiras contra o Argeș Pitești romanés no estadio das Antas.[1]
En 1969 fichou polo Benfica, onde apenas dispuxo de minutos, sendo o gardameta titular naquela época José Henrique. Formou parte do equipo que gañou dúas ligas consecutivas nas tempadas 1970/71 e 1971/72, así como dúas Copas de Portugal. Na tempada 1972/73 regresou ao Leixões, cedido polo Benfica, e alí recuperou a titularidade.
Entre 1973 e 1975 xogou cedido no Ourense, que militaba na Segunda División española.[2] Na súa primeira tempada en Galicia disputou 36 partidos e o equipo, adestrado primeiro por León Lasa e despois por Naya, logrou a permanencia ao rematar 12º. Con todo, na seguinte campaña acabou descendendo. Fonseca deixou o club ourensán con 71 partidos disputados e 79 goles encaixados.
Posteriormente xogou no Varzim, da Segunda División, co que logrou o ascenso a Primeira, antes de fichar en 1977 polo Porto. Militou seis anos neste club, gañando outras dúas ligas, pero desta vez xogando como titular. Na tempada 1983/84 xogou no Famalicão e pechou a súa carreira co Chaves, onde xogou ata 1988.
Selección portuguesa
Foi internacional coa selección portuguesa nunha ocasión, nun partido contra Dinamarca en 1976, correspondente á fase de clasificación para o Mundial de 1978.[3]
Palmarés
Benfica
Varzim
Porto
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas