José Besteiro Fariñas, alcumado Portu, nado en Vigo o 23 de marzo de 1930 e finado en Alcalá de Guadaíra o 29 de novembro de 2007, foi un futbolista galego.
Desenvolveu a súa carreira deportiva en Andalucía, onde se converteu nun histórico do Betis, sendo o único xogador do equipo sevillano en subir dende a Terceira División ata a Primeira.
Traxectoria
Naceu en Vigo e aos 3 anos instalouse coa súa familia en Sevilla.[1]
En 1950 Pepe Valera fichouno para o Juventud Balompié, filial do Betis. O 26 de abril de 1952 debutou co primeiro equipo no campo de San Eufrasio fronte ao Iliturgi de Andújar, nun partido da Copa Andalucía.[2] Xogou durante unha década no Betis, dende a Terceira División ata a Primeira, sendo o único futbolista do club en participar dos dous ascensos de 1954 e 1958.[3][4] En 1959 foi o encargado de marcar a Pelé no partido que o Betis xogou contra o Santos no Estadio de Heliópolis.[5]
En 1960 fichou polo Cádiz, co que xogou dúas tempadas en Segunda División, antes de retirarse do fútbol.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas