José Luis Riveiro Cabaleiro, nado en Vigo o 15 de setembro de 1975, é un adestrador de fútbol galego. Dende 2022 adestra o Orlando Pirates de Suráfrica.
Traxectoria
Comezou a súa carreira de adestrador con 17 anos, dirixindo un equipo de benxamíns. En 1998 colleu as rendas do seu primeiro equipo sénior, o CD Teis, na Terceira Autonómica, ao que adestrou durante tres anos, logrando o ascenso a Segunda Autonómica. Despois estivo unha tempada como segundo adestrador no equipo xuvenil do Rápido de Bouzas en División de Honra e outra como primeiro adestrador do equipo cadete do mesmo club, antes de regresar ao Teis, ao que dirixiu outros tres anos.[1]
En 2010 converteuse no novo adestrador do Mondariz FC na Primeira Autonómica, logrando o ascenso a Preferente na súa primeira campaña.[2] Mentres estivo á fronte do club, tamén foi adestrador nas categorías xuvenís do Choco e do Celta de Vigo.[3]
Abandonou o banco do Mondariz en maio de 2014 e trasladouse ao estranxeiro para traballar como segundo adestrador de Shefki Kuqi no FC Honka da Veikkausliiga, a primeira división de Finlandia, por recomendación de Pablo Couñago, xogador do club naquel entón.[4] En abril do ano seguinte pasou ao PK-35 Vantaa, tamén como axudante de Kuqi, logrando o ascenso á máxima categoría.[5] O 7 de xuño de 2016 converteuse no segundo adestrador de Mika Lehkosuo no Helsingin Jalkapalloklubi, co que conquistou dúas ligas e unha Copa de Finlandia.[6]
En outubro de 2018 foi contratado como adestrador do FC Inter Turku, a súa primeira experiencia como primeiro técnico en Finlandia.[7] Na súa primeira campaña acadou o subcampionato de liga e clasificou o equipo para a fase previa da Europa League, despois de seis anos de ausencia. Grazas ao seu bo facer, foi elixido mellor adestrador do ano en Finlandia, tanto pola Federación como pola asociación da prensa.[8] Repetiu subcampionato ao ano seguinte, mentres que na tempada 2021 rematou terceiro.
En setembro de 2021 anunciou na súa conta de Twitter que deixaría o club de Turku ao finalizar a tempada.[9] Riveiro dirixiu o seu derradeiro partido á fronte do Inter Turku o 31 de outubro de 2021 fronte a SJK, no que se decidiu o terceiro posto desa tempada.[10] En xuño de 2022 foi anunciado como novo técnico do Orlando Pirates, de Suráfrica.[11]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas