En 1904 emigrou a América. Dirixiuse primeiro a Montevideo, onde foi redactor de La Democracia. En 1905 trasladouse a Buenos Aires e incorporouse á redacción de El Diario Español. Promoveu unha campaña para a constitución do Centro Gallego en maio de 1907.
As súas actitudes políticas foron cambiantes. Nun principio profesou un rexeneracionismo entusiasta tinguido de catolicismo social, que o levou a simpatizar co maurismo.
Nos anos 20, ante o fracaso da reforma do réxime monárquico desde arriba, e logo dunha viaxe a Galicia, mantivo un fugaz idilio político co nacionalismo galego e mostrouse oposto á ditadura de Primo de Rivera. En abril de 1927 converteuse en asesor literario da revista Céltiga ao establecerse un convenio entre esta e Correo de Galicia.[2]
Nos anos 30, especialmente dende 1932, experimentou un desapego respecto ao réxime republicano español, que culminou co seu aliñamento co bando franquista en 1936.
Obras
Publicou La Conquista de América (1914), Jornadas de lucha (1924) e Memorias de un periodista (1945). Tamén escribiu teatro para a colectividade galega, como o monólogo Pedro da Portela, a zarzuela La galleguita (1914), escrita con Ramón Fernández Mato (que recrea o reencontro con Galicia dos emigrados a través do namoramento entre un fillo de americano retornado e unha moza galaica), o sainete lírico El almacenero (1915), Rosiña de Belesar, con música de Egidio Paz Hermo (1915), as comedias Gente de Casa (1915), El señor presidente e Luz de Aurora (1917).
A súa obra literaria trata temas costumistas. Tamén intenta abordar cuestións de actualidade e desenvolver en forma alegórica debates de interese para a inmigración.
Notas
↑Nalgunhas referencias aparece como José Rodríguez Lence ou José Ramón Rodríguez Lence, confusión debida a que sempre asinou como José R. Lence, segundo Núñez Seixas en parte para ocultar a súa condición de fillo de nai solteira.